Tanxugueiras estarán este San Xoán en Carballo

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro actuarán o 24 de xuño na Praza do Concello

O clamor popular por poder desfrutar da música de Tanxugueiras no San Xoán de Carballo, escoitado e compartido pola comisión de festas, permitirá celebrar o día de San Xoán ao ritmo de Terra e de todos os temas que tan populares fixeron a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, sobre todo tras a súa experiencia pre-eurovisiva. Tanxugueiras ofrecerán o concerto estelar do 24 de xuño na Praza do Concello.

Pouco se pode contar que non se saiba deste trío de pandereteiras que soubo darlle unha sonoridade moito máis moderna á música galega tradicional, ademais de convertela nun altofalante que utilizan na defensa da lingua e a cultura da galegas, do entendemento entre os pobos ou do empoderamento da muller.

Tanxugueiras ofrecerán o venres 24 o único concerto gratuíto que teñen previsto para o mes de xuño na provincia da Coruña. Á parte do seu recente paso pola emisión do programa de RTVE Gen Playz dende o Mercado Municipal de Carballo, será a súa segunda actuación en dous anos na nosa vila, xa que en setembro do 2021 xa formaron parte do cartel do festival Orballo Cultural.

O primeiro disco de Tanxugueiras, editado no 2018 co mesmo nome do grupo, incluía o tema “Que non mo neguen”, cuxo uso cederon ao Concello de Carballo no ano 2021 para a gravación dun vídeo conmemorativo do 8M no que participaron todas as concelleiras da corporación municipal. Con ese primeiro disco acadaron o primeiro dos numerosos premios que foron acumulando nestes últimos anos. A súa popularidade foi medrando ano tras ano, pero acadou o cumio coa súa participación no Benidorm Fest, organizado por Televisión Española para elixir o tema que representará a España o vindeiro 14 de maio en Eurovisión. Non será Terra, malia ser o preferido do público, pero os carballeses e as carballesas, e todo o público que se achegue o 24 de xuño a Carballo, terá a ocasión de escoitalo, xunto a moitos outros, no gran concerto que sen dúbida ofrecerán na Praza do Concello.

Carballo celebrará as súas festas patronais do 21 ao 26 de xuño, aínda que a semana grande de San Xoán estenderase máis alá. O 18 de xuño, como se anunciou esta mesma semana, recuperase o Rockin’, organizado pola Concellaría de Mocidade, e o domingo 3 de xullo será a tradicional Festa do Bosque. Despois de dous anos sen San Xoán, a festa volve por todo o alto, cunha comisión renovada e unha oferta musical ampla, variada e de calidade que se irá coñecendo nas vindeiras semanas xunto co resto do programa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.