Tomé destaca o compromiso da Deputación cos maiores na festa dos avós de Láncara

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na XIII Festa dos Avós de Láncara, onde destacou o compromiso da institución provincial coas persoas maiores. Na cita, na que participaron máis de 300 persoas e que tivo lugar nunha carpa instalada no Campo da Feira do municipio, acompañaron a Tomé Roca o Alcalde lancarés, Darío Piñeiro, a Sudelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o primeiro tenente de Alcalde de Láncara e Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, ademais de membros da Corporación municipal.

O mandatario provincial felicitou ao rexedor e ao Concello por recuperar este encontro grazas ao que “os nosos maiores se poden volver a xuntar”, unha festa “especial” porque eles “sufriron especialmente a pandemia, polo perigo para a súa saúde e polas limitacións sociais que impuxo a Covid”. “Hoxe temos teléfonos, internet e videochamadas, pero o cariño das familias, dos fillos, dos netos e das netas, en definitiva, dos nosos seres queridos, non é o mesmo polas redes”, asegurou.

Para a Deputación de Lugo, esta tamén “é unha festa importante”, subliñou o Presidente, “porque concorda co noso compromiso de prestar unha atención de calidade ás persoas maiores, que garanta o seu benestar e dignidade”. Neste sentido, José Tomé lembrou que a institución provincial destina “máis dun terzo do Orzamento a políticas sociais, sobre todo á prestación do Servizo de Axuda no Fogar, á Teleasistencia Domiciliaria as 24 horas e á rede de centros públicos de atención aos maiores que temos en marcha”.

O Presidente destacou que as residencias da Deputación, situadas no rural, “están pensadas para que os nosos maiores non teñan que marchar do seu entorno para recibir a debida atención. Uns centros de pequeno tamaño, nos que prima o coidado ás persoas, porque non buscamos a rendibilidade económica, senón a rendibilidade social. Unha rendibilidade social na que teñen un papel central o persoal sociosanitario que traballa nas nosas residencias”.

Desta forma, o mandatario provincial quixo sumarse á homenaxe ó persoal sociosanitario que organizou o Concello este sábado para recoñecer o labor dos profesionais da residencia, do centro de saúde e dos Servizos Sociais de Láncara. “Os responsables públicos deseñamos as políticas sociais, pero para que estas cheguen dun xeito efectivo á xente resulta imprescindible o persoal sociosanitario”, destacou, engadindo que o traballo destes profesionais xa é exemplar en condicións normais, pero durante a pandemia “estiveron sempre aí para garantir os coidados, as medidas de prevención e, tantas veces, aportando esa compañía que as familias non podían ofrecer debido ás restricións”.

Rematou Tomé Roca facendo un recoñecemento e manifestando a gratitude da Deputación de Lugo ó persoal sociosanitario de Láncara e da provincia “polo exemplo de profesionalidade, de dedicación e de humanidade que deron durante a pandemia”.

 

A Festa dos Avós de Láncara, a primeira tras dous anos de pandemia, desenvolveuse nun ambiente festivo e de reencontro. Celébrase no marco da programación organizada esta fin de semana polo Concello con motivo da XXIII Feira Degustación da Tenreira Galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.