Torres, cantigas e murallas. Roteiro lírico pola Compostela medieval

A Asociación Cultural Os Penoucos organiza, o domingo 8 de maio, un roteiro lírico pola Compostela medieval guiado por Carlos Santiago e Marga Alborés
Partindo do barrio de Bonaval, convidámosvos a seguir o trazado da antiga muralla medieval que definía o espazo sagrado de intramuros e os barrios populares circundantes de Santiago de Compostela. No paseo, iremos descubrindo lugares senlleiros que contan a historia da cidade, e poderemos escoitar varias das vellas cantigas que animaban as rúas e as romerías medievais. As loitas do vecindario co poder arcebispal, as guerras das torres, e outros episodios misteriosos da cidade apostólica daranse cita no paseo.
O neotrobeiro, Carlos Santiago, poeta e dramaturgo compostelán, fará resoar cantigas de amigo e de escarnio e maldizer en varios dos lugares que cebaron a imaxinación dos moitos trobadores que poboaron as rúas da cidade no esplendor da lírica galaico-portuguesa. As cantigas de Bernardo de Bonaval, Joham Árias, Fernando Esquío, ou Joám Vasques de Talavera servirán de pretexto para pequenos relatos que nos revelen historias, mitos, e non poucas das pendencias que definiran a vida na cidade entre os séculos XII e XIV.
ITINERARIO
No paseo seguiremos a ruta das portas da antiga muralla, co acompañamento de Marga Alborés, estudosa da historia gráfica de Compostela, e información impresa que nos brinde un xovial coñecemento sobre todo o que vaiamos vendo. O percurso será o seguinte: Bonaval-Porta do Camiño-Porta da Pena-San Martiño-Rúa da Moeda Vella-Val de Deus-Porta dos Sofrades-Porta da Trindade-Porta Faxeira-Entremurallas-Porta da Mámoa-Tras Salomé-Porta de Mazarelos-Castro Callobre-San Agustín-Porta do Camiño.

As paradas nas que asistiremos aos microrrelatos e recitados das cantigas serán estes: Bonaval-Rúa da Moeda Vella-Porta da Trindade-Porta de Mazarelos-Porta do Camiño.
OUTRAS INFORMACIÓNS
Contaremos cun pequeno libreto como guía do percurso, e copias impresas das cantigas para facilitar a comprensión do galego-portugués medieval, non sempre doado para un ouvinte actual. Aconsellamos vir con roupa cómoda e calzado descansado.
+INFO
Data: domingo 8 de maio
Hora: 12:00 horas
Punto de encontro: Bonaval
Duración aproximada: 1h 20m
Máximo asistencia: 25 persoas
Prezo: 10€ (7€ socias e socios da AC Os Penoucos)
Inscricións: 652 822 427