Uns 300 regatistas participarán este domingo no “I Circuíto de Piragüismo Cidade de Narón”

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou acompañada do edil de Deportes, José Oreona, e de Óscar Niebla, presidente do Club de Piragüismo Narón, o “I Circuíto de Piragüismo Cidade de Narón”. A rexedora local avanzou que o evento deportivo reunirá este domingo, día 24, na zona do paseo de Xuvia a uns 300 regatistas chegados dun total de nove clubs de diferentes localidades da provincia e que realizarán percorridos máximos de 3.000 metros

A competición, primeira das regatas do circuíto Deputación da Coruña, consta de seis regatas puntuables na provincia, sendo a de Narón a única de barcos de equipo, o que tal e como indicaron dende o club local “daralle unha espectacularidade engadida”. Disputaranse as categorías de prebenxamín a cadete, tanto de rapaces como rapazas e en canoa e piragua. As competicións comezarán ás 10.00 horas e está previsto que rematen sobre as 14.00 horas, momento no que se procederá á entrega de premios.

Dende o Club de Piragüismo Narón indicaron que se trata da especialidade K2 e C2, de barcos de equipo, e incidiron en que é un evento deportivo a través do que se aposta por promocionar a todos aqueles piragüistas que queiran competir. O presidente do club agradeceu a colaboración do Concello e tamén a das diversas empresas e entidades de Xuvia que respaldan esta convocatoria.

A alcaldesa destacou o traballo realizado polo Club de Piragüismo Narón e a súa traxectoria na cidade, valorando o feito que se poida celebrar na cidade este circuíto provincial e ofrecendo ao mesmo tempo a colaboración do Concello para futuros eventos encamiñados a promocionar a práctica deste deporte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.