Vilalba contará cun novo matadoiro especializado en capón

O Concello de Vilalba contará cun novo e moderno matadoiro, que porá en marcha a empresa Avilugo e só sacrificará Capón de Vilalba con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e polo ecolóxico

“É unha moi boa nova para Vilalba, desde o concello estivemos moi atentos ao proceso de selección da ubicación por parte de Avilugo e finalmente será aquí, na nosa vila”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestrututuras, logo de varios encontros coa mencionada marca para levar a cabo a súa iniciativa empresarial con sede na localidade.

As previsións da empresa son as de sacrificar uns 10.000 polos ecolóxicos á semana e uns 5.000 capóns de Vilalba ao ano, facilitando a desestacionalización da produción e das ventas por parte dos criadores, circunstancia compatible e complementaria ao capón de Nadal.

O novo matadoiro dará emprego directo a dez persoas, ás que hai que sumar os postos de traballo indirecto por tarefas como o transporte dos animais. Desde o goberno local confirman “a boa nova” nunha folla de ruta que asente empresas en Vilalba, que estabilice postos de traballo e que dinamice a vida no rural.

“Servirá de impulso para o sector cárnico e agroalimentario local, xa que ademais do noso capón, Vilalba conta con varias granxas de polo ecolóxico que usarán estas novas e modernas instalacións”, apunta Fernández.

“Para darlle vida ao rural temos que ter empresas que xeren emprego e actividade, ademais duns bos servizos públicos, polo que proxectos como o deste matadoiro son moi importantes”, remata.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.