Vilar de Santos xestionará un orzamento de 922.071 euros neste 2022

Taxas e impostos municipais permanecerán conxelados. Destinándose o maior esforzo a garantir servizos públicos básicos

O Concello de Vilar de Santos aproba un orzamento no que o gasto corrente significa o 30%, 277.416 €. O gasto de persoal do concello supón o 41%, 380.523 euros, co que xestionase directamente  tódolos servizos municipais para atender as novas necesidades xurdidas e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros como a Escola Infantil. Globalmente as actuacións de protección e promoción social, os servizos públicos básicos, educación, cultura e outros programas  representan a maior parte do orzamento.

No referido a taxas e impostos municipais para 2022 permanecerán conxeladas, o mesmo que no 2019, 2020 e no 2021 o que implica un maior esforzo económico e de xestión asumido polo concello. 

Cuestións relevantes tamén son que a débeda pública do concello é cero e tampouco hai  ningunha débeda con provedores.

Dende o consistorio municipal apúntase que se trata «duns orzamentos consolidados e equilibrados, destinando a investimentos públicos 239.831 euros – o 26% – para financiar máis proxectos que van permitir reforzar servizos públicos de calidade e o noso modelo de desenvolvemento, priorizando varias áreas de actuación«: 

1-  Aposta polos servizos sociais públicos municipais, como un instrumento básico de integración e cohesión social:

–    Acometeremos o proxecto de reforma no Centro de Día, en funcionamento desde o ano 2008, para transformalo nun fogar residencial.

–    Reforzamento do Servizo de Axuda no Fogar para a atención á dependencia

2-  Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:

–    Inversión de 52.319,80 euros para a Renovación do alumeado público no pobo do Vieiro e Vilar de Santos (zona do Centro de Día e circunvalación) coa que finalizar e rematar a última fase do proxecto de renovación a LED da iluminación pública de todo o concello.

–    Proxectos de mellora na rede municipal de camiños e espazos públicos nas Casas da Veiga, Vilar de Santos, Parada, Castelaus e o Vieiro e continuación da Humanización e mellora na rúa do Forno.

–    Completaremos o equipamento da escola de Laioso, para destinala a aluguer social.

3-  Dinamización da actividade económica e o emprego. O Concello prepara a venda de parcelas de solo industrial dispoñible no Parque Empresarial e inclúe novamente modificacións fiscais na Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles- IBI, na de construcións, instalacións e obras e na do IAE, fixando bonificacións ata o 95% para proxectos novos ou ampliacións dos existentes que creen emprego durante un período de 3 anos, que vai permitir continuar adheridos á iniciativa «Concellos Doing Business Galicia» entre a Xunta de Galicia e os concellos.          Ademais está pendente a posta en marcha do Centro de Iniciativas, para poñer á disposición dos emprendedores un espazo integral de servizos.

4-  Valorización do noso patrimonio cultural e turístico, con actuacións previstas no Museo da Limia e noutros recursos e bens patrimoniais e turísticos do concello.

En palabras do alcalde, Antonio Miguez, «Estes orzamentos son un reflexo das nosas prioridades e son indicativos da boa xestión levada a cabo, con planificación e servizos públicos de calidade, acometendo os investimentos necesarios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no desenvolvemento do concello e na mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.