A Coruña acollerá o vindeiro 19 de maio o I Encontro de Alcaldesas

Alcaldesas de toda España, a Ministra de Política Territorial ou a Vicepresidenta do Congreso achegarán a súa visión sobre o liderado feminino

A Coruña acollerá o vindeiro 19 de maio o I Encontro de Alcaldesas que ten como obxectivo reflexionar sobre o papel das mulleres no poder municipal.

A alcaldesa, Inés Rey, confirmou a celebración do encontro pola súa responsabilidade, como primeira alcaldesa da democracia na cidade, “de visibilizar o liderado feminino e seguir impulsando unha maior presenza de mulleres en todos os ámbitos da sociedade”.

O debate enfocarase sobre a presenza da muller en postos de responsabilidade dende a perspectiva local, como sinalou “aínda queda moito camiño por percorrer, xa que as mulleres alcaldesas non chegamos ao 22% en España”.

O 19 de maio daranse cita alcaldesas de cidades de máis de 200.000 habitantes como Xixón, Hospitalet, Cartagena ou Sabadell así como as alcaldesas de Castellón, Alcorcón, Santa Coloma de Gramanet ou Barakaldo, entre outras.

Tamén participarán na xornada outras mulleres relevantes na toma de decisións a nivel nacional como Isabel Rodríguez, Ministra de Política Territorial e Voceira do Goberno, Ana Pastor, Vicepresidenta Segunda do Congreso ou Carmen Calvo, presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso.

Axenda

A xornada comezará cun encontro das alcaldesas no Concello onde se asinará a Declaración de María Pita, e a partir das 17.00 h en Palexco terá lugar o foro de debate.
Celebraranse dúas mesas redondas sobre a igualdade nos concellos e o papel das mulleres na toma de decisións, un diálogo entre a ministra de Política Territorial e a alcaldesa da Coruña, e a clausura contará coa participación de Ana Pastor, Vicepresidenta do Congreso dos Deputados e coa Conselleira de Igualdade e Emprego, María Jesús Lorenzana.

Foto portada: Turgalicia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.