A Coruña recupera o emblemático Copacabana

O establecemento, renovado mantendo o seu deseño orixinal, será un punto de encontro para presentacións literarias, musicais e tamén da sétima arte

O local hostaleiro Copacabana, con máis de medio século de vida e recoñecido como un dos símbolos dos Xardíns de Méndez Núñez, reabriu hoxe ao público, totalmente renovado e conservando a morfoloxía e valores do establecemento. A alcaldesa, Inés Rey, valorou a recuperación do Copacabana durante o acto de reapertura celebrado hoxe, “que mantén a súa esencia de sempre e, ademais, mellorouse para facelo máis accesible ás persoas”.

Neste sentido, o Copacabana, de titularidade municipal e que xera 18 empregos directos, abrirá os 365 días do ano, en horario de 8.30 a 2.30 horas, de domingo a xoves, e até ás 3.00 horas de venres a sábado. A oferta de actividades será ampla e variada: ademais de xornadas gastronómicas periódicas, o Copacabana tamén acollerá actos culturais diversos, como encontros e presentacións literarias, musicais e proxeccións de curtametraxes, ademais de monólogos interpretados por humoristas galegos amplamente recoñecidos.

Ao acto de reapertura, celebrado hoxe ao mediodía e que contou coa presenza do actor e humorista cullerdense Xosé Antonio Touriñán, asistiron un cento de persoas, que gozaron coa actuación en directo dun dueto de jazz.

A intervención levada a cabo para a posta en marcha do Copacabana implicou a renovación do mobiliario, o equipamento e tamén a cuberta e vidros da instalación, melloras executadas atendendo a que o local mantivese a súa identidade. “Seguimos traballando para devolver aos Xardíns de Méndez Núñez todo o seu esplendor, porque son patrimonio vivo da cidade, un espazo natural e cultural que debemos coidar entre todas e todos. A reapertura do Copacabana é o colofón a esta liña de actuación para conservar un enclave como Méndez Núñez, liña á que daremos continuidade no tempo”, sinalou a alcaldesa.

Un paso máis na recuperación dos Xardíns de Méndez Núñez

A alcaldesa valorou a reapertura do Copacabana como “un paso importante para consolidar a renovación dun espazo histórico como os Xardíns de Méndez Núñez, unha iniciativa enmarcada na estratexia do Goberno para poñer en valor o patrimonio da cidade e que, no caso dos Xardíns, dá continuidade a intervencións previas que permitiron recuperar o estanque, as Roseiras, a estatua de Pardo Bazán e, moi recentemente, o reloxo floral, coa renovación integral da súa maquinaria, á que se sumarán os traballos de embelecemento da súa contorna axardinada, xa en proceso”.

Ademais, durante o vixente mandato, e tamén en Méndez Núñez, o Goberno municipal promoveu no parque infantil de Méndez Núñez a instalación do primeiro carrusel integrador que hai na cidade. A estrutura, que poden usar persoas en cadeira de rodas, garante a estabilidade das persoas usuarias no momento de facer xirar a estrutura. Esta intervención enmarcouse na posta en marcha do plan de renovación integral dos parques infantís e espazos de lecer anunciado en xuño do ano pasado pola alcaldesa, Inés Rey.

Estanque dos xardíns

Ademais, hoxe tamén quedou renovada a fonte dos xardíns de Méndez Núñez, na que se engadiron 30 novos peixes de cores e aclarouse o fondo para faciltar a súa visibilidade. Despois de moitos anos sen peixes, o estanque dos xardíns ten máis de 70 exemplares e nova vexetación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.