A cuarta edición do ciclo “Un mes e Pico” ofrecerá a posibilidade de baixar de balde ás covas do Pico Sacro

Manuel Fernández Munín destaca que “seguiremos traballando para que o Pico Sacro sexa declarado o máis pronto posible Ben de Interese Cultural”

A espeleoloxía do Pico Sacro e a cultura xacobea. Esta é a temática sobre a que xirará a cuarta edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que encherá Boqueixón de conferencias, visitas teatralizadas, rutas arqueolóxicas e baixadas espeleolóxicas ás covas durante os meses de maio e xuño. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.

Se as primeiras edicións se centraron na sacralidade, na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea e na arqueoloxía do monte sacro, nesta ocasión “imos facer algo que estaba na mente de todos dende o primeiro día que convocamos este ciclo: a posibilidade de baixar ás covas do Pico Sacro”, adiantou o alcalde de Boqueixón.

As baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro terán lugar os sábados 11 e 18 de xuño, ás 11:00 e ás 16:30 horas. “Unhas visitas totalmente seguras nas que as persoas participantes, sempre maiores de 12 anos, recibirán unha formación básica previa e contará co equipo necesario, ademais de estar guiados por instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía”, explicou Fernández Munín, quen bromeou indicando que “dicímolo xa dende o primeiro día: se algún deles dá por fin co dragón que disque se agocha nestas covas, o Concello non se fai responsable”.

Unhas visitas que “serán a guinda do pastel” a unha completa programación cultural, xa que permitirán coñecer de primeira man a beleza e a importancia espeleolóxica das covas do Pico Sacro. Ao igual que todas as actividades do ciclo “Mes e pico”, as visitas serán de balde, se ben o aforo será limitado polo que será imprescindible inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.

Visitas teatralizadas e xeolóxicas

A programación de “Mes e Pico” arranca este sábado 21 de maio coa primeira das catro visitas teatralizadas que o grupo “Os Quinquilláns” farán ás 17:30 horas no propio Pico Sacro e que xirará sobre o mito da Raíña Lupa e o encanto do monte sacro. Seixo, un mouro, recibirá ás persoas visitantes e presentaralles á poderosa Raiña Lupa, que lles contará as probas que os discípulos do Apóstolo Santiago tiveron que pasar para converter Compostela nunha cidade e o Pico Sacro nun lugar lendario. As visitas están programadas para os días 21 e 29 de maio, así como o 5 e o 12 de xuño, ás 17:30 horas.

Paralelamente haberá visitas guiadas ao Pico Sacro o 28 de maio e o 19 de xuño, ás 12.00 horas, da man de Geotur. A diferencia das visitas teatralizadas, trátase de dúas viaxes á orixe xeolóxica do Pico Sacro, un fito xeolóxico e xeográfico únicos en Galicia. Xeograficamente, a súa forma picuda convérteno nun símbolo paisaxístico inconfundible en terras galegas. O seixo puro que o forma, no medio dunha terra de granitos, fai que a súa singularidade sexa moi especial.

Cerimonia do lume sagrado

O alcalde de Boqueixón tamén destacou que “despois de dous anos de pandemia é un pracer recuperar a Cerimonia do Lume Sagrado, que terá lugar o 19 de xuño, ás 13:00 horas, no Pico Sacro. Contaremos coas actuacións de Luz do Ilicinio e Raiola, da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). E tamén haberá entrega do lume sagrado: o 23 de xuño a todas aquelas persoas e entidades que queiran facer as súas fogueiras na noite de San Xoán”.

A Cerimonia do Lume Sagrado é unha cerimonia celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos ancestros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Todos os que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.

O Ciclo tamén contará con dúas conferencias abertas ao público na Capela de San Sebastián. A primeira “A cova do Pico Sacro no contexto da espeleoloxía científica e deportiva”, a cargo de Francisco Manuel Martínez García, presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, o 18 de xuño. A conferencia peche do ciclo correrá a cargo de Xavier Groba González, secretario do Club Espeleolóxico Maúxo (Vigo) o 25 de xuño: “O tesouro cultural da cova do Pico Sacro”. En ambos os dous casos, a charla terá lugar ás 20:00 horas.

Manuel Fernández Munín, agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que participan na programación deste ano e insistiu en que “dende o Concello de Boqueixón seguiremos traballando na posta en valor do noso patrimonio histórico, cultural e natural. Porque seguimos convencidos de que o Pico Sacro merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Motivos hai máis ca de sobra e nós seguiremos traballando para que esta distinción se produza o máis pronto posible”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.