A Deputación contribúe á difusión do legado de Emilia Pardo Bazán dando apoio á mostra sobre a intelectual na Coruña

A Deputación da Coruña contribúe á difusión, posta en valor e coñecemento da figura de Emilia Pardo Bazán dando apoio á mostra que homenaxea á autora polo centenario do seu pasamento. O deputado de Facenda, Antonio Leira, asistiu esta mañá na Avenida do Porto á inauguración da exposición “A Marineda de Emilia Pardo Bazán”

A exhibición conta coa colaboración da Deputación, Marineda City, La Voz de Galicia, a Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e é o peche perfecto ao ciclo de conmemoracións en torno á intelectual, que superou na súa época os límites que se lle impoñían polo simple feito de ser muller.

No acto, ademáis do deputado provincial Antonio Leira, estiveron representantes do equipo de Marineda City, La Voz de Galicia, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, o Arquivo do Reino de Galicia, a documentalista Patricia Angulo e a fotógrafa multimedia Carmen Martínez Torrón, encargada das imaxes que se inclúen na exposición.

Leira sinalou o compromiso da Deputación “cunha figura tan importante na sociedade, cultura e historia da provincia, en concreto na cidade da Coruña, e coa posta en valor desta, moi necesaria para que as novas xeracións a coñezan e o seu legado siga presente”.

Percorrendo A Coruña a través de Pardo Bazán

Nesta exposición faise un percorrido pola presenza da escritora na súa cidade natale a narración que fai sobre ela, visibilizando o seu traballo, que situou A Coruña no mapa imaxinario das cidades literarias. A mostra poderá ser visitada na rúa ata o 5 de xuño.

A exposición está composta por dez cubos nos que se amosa a cidade nos textos de Emilia Pardo Bazán. Así pois, as persoas que se acheguen a desfrutala poderán saber máis sobre a biografía desta intelectual galega do século XIX, a súa obra relativa a Marineda e Marineda hoxe en día. Nas diferentes seccións da exposición poderanse ver aportes fotográficos dos grandes arquivos galegos, tanto públicos como privados, entre o que se atopan o Arquivo da RAG, Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo da Agrupación Musical Cántigas da Terra, Museo de Pontevedra e outras coleccións privadas.

En cada panel amósanse anacos da obra de Pardo Bazán relativa a Marineda, onde podemos recoñecer os espazos da cidade descritos por ela en case todos os xéneros literarios nos que traballou.

A mostra conta con fotografías actuais e históricas superpostas, desvelando a cidade do século XIX e vinculando polo tanto o pasado e o presente. A súa autora é a fotógrafa Carmen Martínez Torrón, coñecida nas redes como @supercarmen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.