A Deputación de A Coruña e Cruz Vermella estudan poñer en marcha unha campaña de prevención de consumo de prostitución

A deputada de Igualdade, María Muíño, visitou esta mañá a oficina provincial da Cruz Vermella na Coruña, para avaliar o programa de «Intervención integral con persoas en entornos de prostitución» que a área provincial de Igualdade financiou o pasado exercicio e establecer novos marcos de traballo

A deputada de Igualdade, María Muíño, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con Mercedes Casanova, presidenta provincial da Cruz Vermella para avanzar en liñas de colaboración entre ambas entidades. Unha das conclusións máis salientables da xuntanza é a posibilidade de poñer en marcha unha campña de prevención de consumo da prostitución dirixida, fundamentalmente, á poboación moza.

Tras o encontro, María Muíño explica que «unha das cuestións que xurde como prioritaria a traballar é a necesidade de informar, educar e sensibilizar ás xeracións máis mozas sobre a realidade da prostitución para previr o seu consumo». Tras coñecer polo miúdo o traballo que Cruz Vermella está a realizar neste campo, a deputada indica que «ao contar con dilatada experiencia e con persoal técnico formado neste eido, consideramos que é unha entidade con solvencia para poñer en marcha este tipo de iniciativas»

Na reunión, na que tamén participou a directora de Infancia, Xuventude e Muller de Cruz Vermella, Laura Cerviño, abordáronse cuestións como a intervencion a nivel global con mulleres en situación de dificultade social, e máis especificamente con mulleres en situación de prostitución e vítimas de trata. Tamén se avaliou o impacto do programa financiado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña «Intervención integral con persoas en entornos de prostitución», que Cruz Vermella desenvolveu durante o 2021 en concellos da comarca da Terra de Soneira: Camariñas, Vimianzo e Zas.

A través deste programa, Cruz Vermella prestou asistencia a mulleres en situación de prostitución e trata tanto a nivel informativo en cuestións xurídicas, laborais e de saúde, como en orientación de tipo formativo, laboral e psicolóxico, asistencia social para casos con factores de vulnerabilidade, realizaron obradoiros formativos sobre prevención de enfermidades de transmisión sexual e de benestar emocional, e tamén se realizaron entregas de produtos básicos de alimentación e hixiene. Neste punto, María Muíño aproveitou para «destacar a importancia que ten o peso da intervención técnica, enfocado como un traballo especializado que require dun fondo coñecemento da realidade para que a axuda poida ser útil».

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.