A obra ‘As que limpan’, integrada no CoruFest 2022, chega con dúas sesións ao Teatro Rosalía de Castro

A peza teatral aborda a loita das camareiras de piso para acadar o recoñecemento dos seus dereitos laborais

O Teatro Rosalía de Castro abre as súas portas esta fin de semana ao espectáculo teatral ‘As que limpan’, unha coprodución da compañía A Panadaría e o Centro Dramático Nacional. A obra forma parte da tempada de primavera do Ciclo Principal de Teatro e intégrase na programación especial do CoruFest 2022.

‘As que limpan’ achégase ao día a día das camareiras de piso no contexto dun sistema turístico globalizado na que a súa figura é fundamental. Neste sentido, a peza céntrase na invisibilidade que sofren as traballadoras do gremio e tamén na súa loita por acadar uns dereitos laborais escasos.

O elenco, encabezado por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, co apoio dramatúrxico de Paula Carballeira, trata polo miúdo as dificultades diarias que afrontan estas traballadoras para obter o recoñecemento e visibilidade que merecen, así como as trabas que atopan para a adecuación da lexislación laboral.

A obra, de 75 minutos de duración, terá lugar en dúas quendas, o venres 20 e o sábado 21, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro. As entradas están a venda na web de Ataquilla.com, así como no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas) e no propio Teatro Rosalía de Castro os días de función (de 16.00 a 20.00 horas) con prezos que varían dos 5 aos 14 euros para o público xeral.

Penúltimo espectáculo da programación do Ciclo Principal en primavera

A tempada de primavera do Ciclo Principal de Teatro encara a recta final da súa programación, que conclúe entre os días 17 e 18 de xuño coa peza ‘Los santos inocentes’, unha adaptación da obra homónima de Miguel Delibes. Á fronte do elenco de intérpretes está o recoñecido actor Javier Gutiérrez, gañador de dous premios Goya e da Cuncha de Prata ao Mellor Actor no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *