A RAG celebra coa veciñanza de Córgomo o poeta vital e comprometido e mais a resistencia cultural do exilio mexicano

A vila de Florencio Delgado Gurriarán acolle o 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas e un encontro popular cos corgomeses. Viaxarán para a ocasión dende América tres fillas e netos do poeta

O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home vital, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e no país que o acolleu, México. E ese espírito marcará o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica este ano. A cita central será en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras, Ourense), a súa vila natal, que será escenario do pleno extraordinario da institución, aberto ao público. Posteriormente, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha “Florenciada”, un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade. Para a ocasión viaxarán dende América as súas fillas Celia, Carmiña e Maruxa, e os seus netos.

A sesión plenaria comezará ás 12:30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

A capital das Letras Galegas 2022 prepárase dende hai tempo para a gran festa do 17 de maio cunha serie de actividades que se intensifican nas vésperas. Un serán poético, rutas por Córgomo para o alumnado das escolas da comarca, concertos e contacontos son algunhas das actividades interxeracionais anunciadas para estes días en Vilamartín de Valdeorras e outros concellos da comarca pola asociación As Letras de Florencio, composta por distintos colectivos, os municipios da zona e a Deputación de Ourense, que uniron esforzos hai anos para visibilizar o legado do seu poeta e reivindicar para el o Día das Letras Galegas.

De Valdeorras ao exilio mexicano

A RAG celebrará o pleno extraordinario na Aira dos Bolos, un espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro dos corgomeses para xogaren aos birlos, como retratou nos seus versos Florencio. Pero dende Valdeorras a Academia viaxará tamén a México, onde chegou en 1939 como exiliado a bordo do Ipanema, un dos chamados buques da liberdade. Coas Letras dedicadas á súa figura, a Academia lembra tamén, por primeira vez nun 17 de maio, o papel da diáspora naquel país, un dos eixes do discurso do historiador Ramón Villares, que abrirá a quenda de intervencións académicas sobre o homenaxeado.

O poeta valdeorrés recoñecía no seu discurso de recepción na Academia como membro correspondente (1981) –recuperado pola institución nunha edición especial– que na posguerra Buenos Aires era a capital cultural de Galicia, pero reivindicaba tamén o papel dos homes e mulleres que, coma el, contribuíron dende México a “escorrentar as tebras culturais”. Os medios de comunicación foron para eles unha ferramenta fundamental. Dende a radio ata revistas como Saudade e Vieiros, que Florencio codirixiu co cineasta Carlos Velo e Luís Soto, e que constitúe un episodio destacado da cultura galega durante a ditadura que neste 2022 cómpre tamén visibilizar.

A sesión plenaria continuará coa intervención da directora da Sección de Lingua da RAG, Rosario Álvarez, que afondará na contribución de Delgado Gurriarán á construción dun modelo de galego supradialectal escrito moderno. Da parte literaria ocuparase Xesús Alonso Montero, que xunto a Carlos Casares foi o primeiro académico en reivindicar un Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán a comezos deste século.

Serie documental

Alén da sesión plenaria, a Real Academia Galega está a celebrar as Letras Galegas de Florencio con intensidade na Rede. Este xoves estreou na súa canle de YouTube o quinto e derradeiro capítulo da serie web documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda. A narración audiovisual arrinca no capítulo 1 co retrato máis próximo e íntimo dun home conciliador e amigo do baile e da música. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. O 3 profunda nos anos no exilio mexicano e o seu papel como activista cultural da diáspora galeguista, o episodio 4 repasa os distintos perfís da poesía que cultivou e o capítulo 5 detense na súa relación coa lingua galega.

Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia

A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), unha páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.

Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.

Novas edicións e un simposio

A Real Academia Galega publicará proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O historiador, biógrafo e sobriño do homenaxeado, tamén se fará cargo dun volume que recollerá correspondencia de Delgado Gurriarán con persoeiros da cultura galega.

Xa no outono, como é costume, a institución reunirá voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.