A Selección Cadete de XCO logra tres podios e unha aprendizaxe de superprestixio en Tibi

Aroa Otero, segunda, e Marta Estévez e Alejandro García, terceiros, sobresaíron na actuación dos once bikers que representaron a Galicia no evento de nivel UCI C2 celebrado na provincia de Alicante

A primeira cita da temporada para a Selección de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) saldouse este domingo con tres podios e cunha experiencia formativa de alto nivel. O combinado autonómico acudiu con once bikers cadetes á Superprestigio MTB Faster de Tibi e na provincia de Alicante cumpriu con nota tanto os obxectivos deportivos como os de aprendizaxe. Nun evento de categoría C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI), a Selección de Breogán demostrou o potencial da súa aposta pola base.

O equipo autonómico dirixido por Alberto del Río tivo como un dos seus retos adaptarse ás altas temperaturas nun escenario xa de por si técnico e duro. As rapazas cadetes debían completar unha esixente start lap e unha volta enteira ao circuíto alacantino. Compartindo quenda co resto de categorías femininas, Aroa Otero e Marta Estévez situáronse dende o inicio en postos de podio.

A vencedora cadete Kyra Gali (Vilajuiga) non se puido relaxar en ningún momento porque Aroa Otero tívoa á vista ata os intres finais. A diferenza entre as dúas roldou os 15 segundos na maior parte da carreira e acabou superando lixeiramente o medio minuto (38′). Por detrás delas, Marta Estévez mantívose na terceira praza sen permitir que se lle achegara Carlota Berne (Umen). A terceira clasificada concluíu a 3’08» da gañadora e con 47″ de marxe respecto a súa perseguidora.

Ademais do dobre podio, Galicia colleitou o sétimo posto de Iris Fernádez, o décimo da debutante co combinado autonómico Candela Rodríguez, mentres que outra biker que se estreaba coa Selección, Sandra Vila, viuse obrigada a abandonar como consecuencia da intensa calor.

Cadetes masculinos

Unha start lap e dúas voltas enteiras ao circuíto da terceira xornada do certame Superprestigio MTB Faster tiveron que realizar os rapaces cadetes. Tras arrancar dende a zona traseira na grella de saída, Alejandro García non tardou en moverse nas posicións de cabeza. Unha caída deixouno definitivamente sen opcións de alcanzar ao belga Matisse Van Kerckhove (Montbike), pero o mellor clasificado de Galicia foi quen de botarlle a luva a Javier López (Uves-Spiuk) para acabar xogándose a segunda praza ao esprint. O man a man decantouse a prol do madrileño.

Os tres primeiros, separados tan so por 5″ despois de que o belga Van Kerckhove levantara o pé no desenlace da proba, distanciáronse en 2 minutos do seguinte grupo. Galicia contou con outro representante no Top-10: Mauro Vega fixo sétimo, a 2’26 do vencedor. Tamén remontaron posicións ao longo da carreira Denis González, duodécimo, e Martín Díaz, décimo sétimo. Pola súa banda, Néstor Frías cruzou a liña de meta ocupando a 25ª praza e Nicolás Fernández, que sufriu unha picada, terminou na 28ª.

Ao marxe dos resultados, o staff da Selección de Galicia formado por Alberto del Río, Irene Trabazo (técnica auxiliar), Pablo Cachadas (mecánico) e David Carrillo (secretario da Federación Ciclismo Galego) regresou de Tibi moi satisfeito co comportamento das corredoras e dos corredores, que tiveron a oportunidade de coñecer en persoa a estrelas do ciclismo como os medallistas olímpicos Carlos Coloma e David Valero, ou ao campión estatal de ciclocrós Felipe Orts.

O vindeiro evento de XCO na programación do combinado de Breogán será a xornada final da Copa de España, o 5 de xuño en Baza (Jaén), nova oportunidade para que as promesas do Cross Coutry Olímpico autonómico sigan medrando como bikers e preparando o campionato estatal do mes de xullo.

Clasificacións 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.