A UDIAF de Bergantiños atendeu o ano pasado a 113 nenos e nenas, que representan o 3,6% da poboación de 0 a 6 anos

Segundo o informe anual do servizo, a pandemia provocou a aparición de máis necesidades, que chocan coa insuficiencia dos recursos existentes

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu ao longo do ano 2021 a un total de 113 nenos e nenas da comarca, que representan o 3,6% da poboación de 0 a 6 anos. A apertura dunha unidade de atención temperá na Laracha no segundo semestre do ano pasado non só non contribuíu a aliviar a saturación de Carballo, senón que a listaxe de agarda é cada vez máis longa e sitúase xa nos 202,7 días. Este preocupante dato reforza a necesidade de ampliación que se vén demandando nos últimos anos dende o propio servizo.

A coordinadora da unidade de Carballo, Yaiza Antelo, presentoules ao alcalde, Evencio Ferrero, e á concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, o balance anual da Udiaf, cuxo funcionamento estivo moi condicionado pola pandemia, tanto polos protocolos de actuación como polas repercusións que tivo nos nenos e nenas. Neste sentido, entre as conclusións do informe destaca que a COVID-19 provocou “unha desestruturación do día a día” propiciada pola perda da rutina casa-escola-ocio, o cambio das relacións cotiáns, a falta de espazos ao aire libre para xogar ou a facilidade de acceso á tecnoloxía.

Entre outros datos, o informe recolle tamén que a idade media de acceso experimentou “un leve aumento motivado pola ralentización dos procesos de detección nos servizos de primeira instancia”, que son, principalmente, centros de saúde e colexios. No 2021 a idade media situouse nos 3 anos, fronte aos 2,9 do 2020. Destaca a gran diferenza de usuarios/as por sexos, xa que un 72,6% foron nenos e un 27,4%, nenas.

Das 113 familias atendidas, o 63,7% son residentes no noso concello, pero ao servizo, que cumprirá oito anos a finais deste 2022, acoden nenos e nenas dos sete concellos bergantiñáns. En total realizáronse 1.666 prestacións de apoio personalizado e 480 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social para nenos e nenas de 0 a 6 anos. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881.946.410.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.