A Ukestra do Medio estrea este venres o novo disco ‘Histórias cativas’

O grupo de Compostela estrea un traballo de oito cancións no que destacan as composicións propias e o son característico dos seus ukeleles

A Ukestra do Medio estrea este 27 de maio Histórias Cativas, un disco co que a banda de ukeleles de Compostela presenta seis temas propios acompañados de dúas versións. “Este traballo ven marcado por un proceso de madurez do grupo no que quixemos apostar polas composicións propias”, asegura Alberte, un dos cinco membros da Ukestra. “Mantemos, iso si, dous dos nosos sinais de identidade: a heteroxeneidade de estilos musicais e o peculiar son dos nosos ukeleles” engade César, outro dos compoñentes.

Histórias cativas é o terceiro disco da Ukestra do Medio. En 2020 publicaron Outras Lérias e naquel excepcional contexto de restricións e pouca programación cultural seguiron creando. O resultado foi un novo disco cociñado a lume lento con influencias de rock’nroll, country, swing, pop e surf que gravaron a principios de 2022 nos Estudios Potemkin de Compostela xunto a Jacobo e Luis Iglesias.

O traballo inclúe dúas homenaxes. A primeira delas a Carvalho Calero, cunha canción que musica o poema ‘Tanto se Amavam’, primeiro adianto do disco. O segundo a Ruxe Ruxe, de quen versionaron a canción ‘Sonhos’ para celebrar o 25 aniversario da banda de Aríns. A estes dous temas súmanse seis máis que navegan por distintos estilos: desde a versión de ‘Five Foot Two, Eyes of Blue’, un clásico do swing-jazz dos anos vinte do século pasado, a ‘Paipo’, o tema de surf instrumental que abre o disco.

A Ukestra do Medio son Kátia Mera, César Parcero, Alberte L.C., Yolanda Porto e Soni. Ademais das voces, o cajón e os distintos tipos de ukeleles (sopranos, tenores e barítonos; ukebaixos e banjoleles), a banda incorpora a táboa de lavar, a pandeireta, o güiro, o xilófono… un compendio de instrumentos cativos a través dos cales marcan o ritmo de pequenas historias sobre o amor – en ‘Imitación á vida’-, as expectativas truncadas – en ‘Promesas’- ou os tempos pasados – en ’Onde vam?’-. Letras graves, as veces, que contrastan coa frescura do son dos ukeleles.

A partir do 27 de maio Histórias cativas poderá escoitarse en todas as plataformas dixitais e estará dispoñible a pre-venda do CD -con portada de Juan Venditti- en Bandcamp. Neste disco participaron tamén Fon Collazo e Sara Piñeiro, compoñentes da Ukestra desde os seus inicios e Dani Blanco e Jacobo Iglesias colaboraron no tema versionado de ‘Sonhos’. O disco foi mesturado por Jacobo Iglesias, masterizado por SAGE Audio e está editado por Ukelixo.

Desde 2020, a Ukestra do Medio forma parte do catálogo de Urdime coa que en breve anunciará as datas de presentación do disco. O grupo naceu en Compostela en 2013 versionando temas ao ritmo dos ukuleles, o baixo e o cajón. En 2017 editaron em princípio… e, en 2020, Outras Lérias, un disco co que presentaron as primeiras músicas propias en galego e iniciaron un percorrido consolidado actualmente en Histórias cativas. “Este disco é un paso máis na historia do grupo”.

A Ukestra do Medio é parte tamén de ‘Extravíos’, un proxecto compartido coa compañía VACAburra no que tocan música en directo para unha peza de danza de Andrea Quintana: unha creación colectiva en forma de viaxe sonora danzada.

Foto portada: María Caramés

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.