A voz da mocidade protagoniza o acto de celebración do Día de Europa organizado por EUROPE DIRECT A Coruña na Deputación da Coruña

Alumnado da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IES Eusebio da Guarda fixo lectura dun manifesto sobre a Europa que quere para as vindeiras décadas e no que os mozos e mozas resaltaron as ideas da paz, a saúde mental, os dereitos dixitais, o acceso á vivenda e a igualdade e non discriminación

A voz de mocidade foi a protagonista na celebración do Día de Europa organizada polo centro EUROPE DIRECT A Coruña no Pazo provincial da Deputación da Coruña. No declarado ano da xuventude por parte da Comisión Europea, o acto de conmemoración ‘A Europa que queremos’ centrouse na lectura dun manifesto por parte do alumnado da única Escola Embaixadora do Parlamento Europeo na provincia, o IES Eusebio da Guarda da Coruña, así como dos artigos 2 e 3 do Tratado da Unión Europea.

Os mozos e mozas participantes fixeron un recoñecemento ás oportunidades que brinda a unión de 27 estados de Europa á súa xeración ao tempo que aportaron ideas sobre os camiños nos que a UE debe avanzar nos vindeiros anos. Así, reclamaron unha Europa que loite pola paz, que coide a saúde mental, que protexa os seus dereitos como cidadáns dixitais, que favoreza o acceso á vivenda para a xente nova, que fomente a igualdade e a non discriminación por razón de sexo, procedencia, condición social ou idade e, finalmente, unha Unión Europea que sexa sostible.

A reflexión dos mozos e mozas contou coa resposta da Representación da Comisión Europea en España que fixo chegar as súas impresións sobre o manifesto aos estudantes a través dun vídeo no que participaron outros centros membros das redes de información europea de España e Portugal ao berro de «A Europa que queremos é a vosa Europa». «Resúltanos moi útil coñecer a opinión da mocidade sobre estes temas e por iso vos damos as grazas», trasladou o xefe de comunicación da Representación da Comisión Europea en España.

O manifesto do alumnado foi escoitado tamén polo deputada delegada de Deportes e Mocidade, Cristina Capelán, quen resaltou a relevancia do Ano Europeo da Xuventude como un momento no que alenta á mocidade a facer oír a súa voz.  Este ano «pon o foco sobre a importancia da xente nova de Europa para construír un futuro mellor: máis ecolóxico, máis inclusivo e máis dixital».

O acto contou cun acompañamento artístico dende a chegada do alumnado á Deputación da Coruña que tivo o seu prato principal nunha actuación de equilibrios e malabares con aro na recepción do edificio. O espectáculo puxo de relevancia á unidade dos Estados de Europa a través da figura do círculo e as estrelas e a relevancia de manter o equilibrio dunha Europa en movemento, construída sobre os valores da solidariedade, a xustiza e a harmonía na convivencia entre os pobos. O evento rematou cun percorrido do alumnado arredor do edificio con bandeiras da Unión Europea.

Ademais deste acto, o centro EUROPE DIRECT A Coruña programa diversas actividades para a celebración do Día de Europa que se estenderán durante as vindeiras semanas.  A exposición itinerante Pacto Verde Europeo percorrerá ata o mes de xullo cinco concellos da provincia e o concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia abre hoxe a súa participación ata o 9 de xuño. O centro estrea tamén hoxe a ca campaña audiovisual ‘EU sei da UE’ e o entorno virtual en 3D Estación Verde está dispoñible para o público.

Toda a información sobre as actividades de EUROPE DIRECT A Coruña relacionadas co Día de Europa pode atoparse na páxina web.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.