A Xunta aproba a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 696 propietarios e afecta unha superficie total de 767 hectáreas

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de aprobar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, no concello lugués de Mondoñedo.

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta unha superficie de 767 hectáreas distribuídas en 1.335 predios de substitución, pertencentes a 696 propietarios. Neste senso, cabe sinalar que este proceso conseguiu mellorar a superficie media das parcelas, pasando así de 1.525 m² a 5.746 m². Esta mellora da estrutura territorial permítelle ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción.

Con esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade, os cales serán enviados proximamente á notaría.

Nesta liña, cabe destacar que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 12 millóns de euros, co fin de pechar administrativamente os 94 procesos que a día de hoxe están abertos.

Foto portada: Iago Pillado (Wikipedia)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.