A Xunta ensaia a coordinación práctica dos plans de loita contra incendios forestais cun simulacro en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nos labores, que despregaron a un centenar de efectivos polas parroquias de Bagude e Gonzar

A Xunta de Galicia desenvolveu hoxe en Portomarín un simulacro para asegurar a coordinación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA), que involucra a servizos de todas a administracións.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou nos labores xunto co alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, e o xerente da  Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, entre outros.

O operativo congregou a un centenar de efectivos. Por parte da Xunta interviñeron brigadas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e da Axega, da central de urxencias 061, e  membros da Policía Autonómica. Participaron tamén a Subdelegación do Goberno en Lugo, a Garda Civil, o parque de Chantada do Consorcio Provincial de Bombeiros, o concello de Portomarín, así como a Federación de asociacións de Protección Civil de Lugo, o GES de Monterroso e a Cruz Vermella.

O simulacro partiu dun suposto incendio rexistrado nas inmediacións do punto quilométrico 4 da estrada LU-P-4909, en Bagude. Durante o exercicio, practicáronse todas as situacións posibles, activando inicialmente o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) e o PEIFOGA en situación 0 e declarando logo a situación 2 pola posible afectación a bens non forestais, en concreto polo risco para catro núcleos de poboación nesta parroquia e na de Gonzar.

Arias explicou que esta operación pretende testar -e corrixir, de ser o caso- a coordinación e actuación dos medios que deben intervir en cada fase do incendio. “É unha posta a punto que realizamos todos os anos de cara á campaña de verán, que é cando é máis probable que poida xurdir unha emerxencia destas características”, sinalou.

Entre as tarefas que se desenvolveron figuran a instalación do Centro de Recepción de Medios e do Posto de Mando Avanzado, o confinamento dos núcleos de Bagude e Biduedo, a evacuación do núcleo da Ferrería, cortes de estradas, controis de accesos ou atención e traslado de feridos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.