A Xunta licita por máis de 2,5 M€ as obras de mellora do firme na estrada LU-113 en Abadín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou que se acondicionarán os últimos 7,8 km, comezando á altura do enlace coa estrada LU-121 e rematando na conexión coa autovía do Cantábrico

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou por 2.523.082 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-113, ao seu paso polo concello de Abadín.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe o proxecto, que ten por obxecto o acondicionamento e rehabilitación do pavimento ao longo dos últimos 7,8 quilómetros do treito da LU-113 de Moncelos a Abadín, o que redundará na mellora das condicións da vía e reforzará a seguridade. Máis en detalle, as actuacións na LU-113 comprenderán o tramo comprendido entre o punto quilométrico 22+800, á altura do enlace coa estrada LU-121, ata o remate da estrada no punto 30+600, na conexión coa autovía do Cantábrico.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou o pasado mércores a licitación destas obras ás que as empresas interesadas poderán optar presentando as súas ofertas ata o vindeiro 30 de maio. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras a finais de agosto ou setembro, para a súa execución neste ano.

As obras consisten na reparación das zonas do firme con fisuración e dos treitos máis deterioradas en zonas puntuais ou con esgotamento estrutural do firme, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural, co fin de adaptar o firme ao tráfico que soporta e permitindo acadar unha vida útil axeitada.

Deste xeito, os traballos incluirán un reforzo do firme segundo as necesidades deste tramo da LU-113, superficial ou máis profundo de saneo, dependendo do deterioro, así como o estendido dunha nova capa de rodadura. Máis en concreto, realizaranse fresados localizados cun espesor de 10 cm, e a reposición realizarase de mestura bituminosa co mesmo espesor de 10 cm. A actuación terá o ancho do carril completo.

Tamén se executarán saneos localizados nas zonas deformadas e con esgotamento estrutural repoñendo o solo cemento actual de base con material procedente do fresado. A actuación terá tamén o ancho do carril completo. Ademais, actuarase no recrecido do firme a calzada completa, co espesor de 5 cm en todo o ancho da plataforma. Tamén se propón nesta actuación a mellora da drenaxe da estrada, coa execución de cuneta de seguridade revestida en formigón, con tubo dren para evitar as filtracións á explanada.

Como complemento, inclúense unha serie de intervencións de mellora da seguridade: cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto ou captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios da LU-113.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.