Actos culturais e literarios ata o 31 de maio na Coruña polo Día das Letras Galegas

Á lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano, súmase tamén o concerto de Luar na Lubre previsto o vindeiro día 21 no Ágora

O Concello da Coruña dará continuidade, ata finais de maio, aos actos culturais asociados ao Día das Letras Galegas. Esta programación específica, que implica á área municipal de Cultura e tamén ao servizo municipal de Normalización Lingüística, rematará o vindeiro día 31 tras pasar polas bibliotecas municipais da cidade e o Teatro Colón.

Os actos polo Día das Letras Galegas 2022 comezaron o pasado martes, co encontro coa escritora larachesa María Rei Vilas na biblioteca municipal dos Rosales, no contexto do Festival Primaletras. Xa o mércores, a biblioteca de Estudos Locais acolleu o coloquio do historiador Ramón Villares sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano no Día das Letras.

Será a vindeira semana, coincidindo coa celebración desta data tan especial, cando se concentrarán o groso de actividades, partindo desde a lectura pública de extractos da obra de Florencio Delgado Gurriarán na que, este martes 17 (12.00 horas), e coa praza de María Pita como punto de encontro, intervirá a alcaldesa, Inés Rey, acompañada por membros da corporación municipal. O acto estará amenizado pola actuación da agrupación Os do fondo da barra, pertencente á Asociación Cultural Xacarandaina.

Ese mesmo día, o martes 17 de maio, haberá outras actuacións pola cidade. Ás 12.00 horas, na rúa Barcelona, actuará a asociación cultural Pandereteiras sen Fronteiras. Tamén ás 12.00, a asociación cultural Maghua actuará na praza de Jaspe Deza, en San Vicente de Elviña. Ás 12.30 horas, a agrupación folcrórica Aturuxo levará a cabo un pasarrúas desde os xardíns de Méndez Núñez á praza de Vigo. Pola tarde, ás 18.00 horas, haberá actuacións de Os Gaiteiriños (A Gaiteira) e Eidos (de María Pita á praza de Lugo). Ás 18.30 horas será a quenda de Son d’aquí, que irán do Campo de Marte ao Campo da Leña. Ás 20.00 horas, pecharán a xornada Cántigas da Terra na praza de María Pita e Donaire entre a praza de Lugo e María Pita.

Xa o xoves 19, o Teatro Colón abrirá as súas portas a un concerto especial da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) con motivo do Día das Letras. Juan Lois Diéguez será o director convidado que leve a batuta na presentación de ‘Paseo con aires ártabros’.

O concerto de Luar na Lubre, previsto o sábado 21 no Ágora

A axenda prevista polo Concello, con actos totalmente gratuítos, continúa o sábado 21. O servizo municipal de Normalización Lingüística levará a cabo unha nova quenda dos percorridos ‘Paseos pola Coruña literaria’. Será ás 12.00 horas, con Susana S. Aríns á fronte de ‘Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Garza’. A actividade, recomendada para maiores de 16 anos, abrirá o prazo de inscrición este luns 17, con 55 prazas dispoñibles. Os interesados en inscribirse deberán remitir os seus datos persoais ao correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal.

Tamén o día 21, ás 21.00 horas, terá lugar o peche da primeira edición do Festival Primaletras. O grupo de folk coruñés Luar na Lubre, gañador de dous discos de ouro na súa traxectoria, despedirá o certame cultural-literario interpretando os seus temas máis coñecidos. A asistencia será de balde, mais será precisa a recollida previa de convite nas bibliotecas municipais. A información completa pode consultarse aquí.

Xa o martes 24, tamén no centro sociocultural Ágora, os máis pequenos poderán gozar co espectáculo teatral infantil ‘Brincadeiras da lingua’, interpretado pola compañía Migallas Teatro. Será en dúas quendas, ás 17.00 e 18.30 horas. As dúas funcións tamén serán de balde e con inscrición previa. A información completa pode consultarse aquí.

No tramo final de maio, o sábado 28, o servizo municipal de Normalización Lingüística impulsa a última quenda do mes do percorrido ‘Paseos pola Coruña literaria’, con Marilar Aleixandre. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 23.

O peche á programación de actos promovidos polo Concello no contexto do Día das Letras Galegas 2022 terá lugar o día 31 de maio, cunha nova xornada de espectáculo teatral para nenas e nenos no que María Faltri e Jorge Juncal, dentro do programa Apego, achegaranse á rapazada con ‘Soñando inventei’. Será en dúas quendas de balde e con inscrición previa, ás 17.00 e 18.30 horas. A información completa pode consultarse aquí.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.