Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia contará co equipo “máis experimentado” para afrontar, nesta nova etapa, os retos presentes e futuros da nosa Comunidade

Profesionais cunha traxectoria contrastada de servizo público e que “levan moitos anos demostrando talento, inconformismo e unha capacidade de traballo a proba de todo”, dixo, durante o acto de toma de posesión dos conselleiros, aos que agradeceu a disposición de todos eles a seguir traballando con fluidez, “intentando entender como é Galicia para facer as cousas ben, co mesmo impulso e ilusión”.

Nesta liña, Rueda aseverou que os axustes feitos “non son para emendar nada”, senón para reforzar e complementar, co fin de afrontar os retos de futuro coas máximas garantías. Así, precisou que a coordinación de toda a área económica do Goberno volver a estar nas mans do vicepresidente primeiro, Francisco Conde.

Por outra banda, salientou que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes estará dirixida por Diego Calvo, de quen destacou a súa experiencia e capacidade para traballar en equipo.

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, preside o acto de toma de posesión dos conselleiros do Goberno galego.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo galego resaltou que as competencias de Turismo elévanse á Presidencia da Xunta, para realzar o seu carácter transversal. “Pedirei que neste ano tan decisivo para Galicia, no eido turístico, todas as consellerías se impliquen especialmente, para que este sector sexa un puntal no despegue económico”, abundou, referíndose tamén ás tres consellerías que cambian de nome: a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Política Social e Xuventude.

Sobre este punto, explicou que a FP gaña peso no organigrama do Executivo para seguir dándolle a relevancia e potenciación que esixen os novos retos; “ao igual que todas as inquedanzas da xuventude, piar fundamental da Comunidade, e que a promoción do emprego”, engadiu.

Consciente da responsabilidade e nivel de esixencia que supón formar parte do Goberno da Xunta, Alfonso Rueda incidiu en que o novo Executivo seguirá a traballar para o interese xeral dos galegos e para responder aos retos da Comunidade. “Ofrecemos un compromiso sen límites para axudar a que siga progresando un pobo sen límites”, sentenciou, recordando que, fronte a un contexto marcado polas incertezas, Galicia está respondendo con enteireza e determinación.

“Resistimos a pandemia mellor que ningunha outra comunidade, tanto a nivel sanitario como social e económico; e estamos captando novos investimentos e facendo o que está nas nosas mans para protexer o tecido económico ante as incógnitas a nivel nacional e internacional”,  concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.