Alternativas de ocio para desfrutar en familia nunha nova sección en “Viveiro en ruta”

«Viveiro en ruta», a web de rutas que puxo en marcha o BNG de Viveiro superou xa as 5.000 visitas en apenas unha semana e celebran o seu éxito incorporando unha nova sección na web: «Rutas en Familia«

«Esta nova sección, estréase con 4 rutas sinxelas e de baixa dificultade pensadas para facer en familia e para que as crianzas comecen a descubrir a nosa contorna», indica Míriam Bermúdez. Entre as posibilidades, polo momento, están a de ir até Penalba, os Muiños de Balea, o primeiro mirador de Monte Castelo e o Souto da Retorta.

Míriam Bermúdez incide en que «en Viveiro son necesarias alternativas para desfrutar en familia. O noso Concello necesita unha rexeneración na oferta de actividades apostando polo patrimonio e natureza».

Míriam está convencida de que este novo apartado de viveiroenruta.com terá moi boa acollida como xa a tivo a propia páxina web, e asegura que «iremos ampliando o número de rutas en familia como fixemos coas demais, en tan só unha semana Viveiro en ruta pasou de ter 11 a dispoñer de 25 rutas, de todas as distancias e dificultades, así como tamén conta cos percorridos da Viveiro Bike Xtreme, da Camovi e mesmo do Camiño Natural do Cantábrico ao seu paso por Viveiro.»

Por último, Míriam Bermúdez quere agradecer a entidades, asociacións e veciñanza de Viveiro que colaboraron no proxecto compartindo rutas e con suxerencias de mellora para a páxina web.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.