Aprobada unha iniciativa para impulsar a fibra óptica nas vivendas de Constantín en Baralla

O Voceiro Socialista, Jaime González tamén defendeu outra moción, aprobada por unanimidade, para declarar o concello de Baralla Libre de LGTBIfobia
O Voceiro Socialista, Jaime González avanzou hoxe que defendeu unha iniciativa que foi aprobada, na pasada sesión plenaria celebrada este xoves día 26, para solicitar a instalación de fibra óptica nas vivendas de Constantín que non contan con ela.
Nesa liña lembra que o Goberno de Pedro Sánchez impulsa, “dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, un investimento de 1.367 millóns de euros en 2022 para mellorar a conectividade en España”. Desta cantidade, 631 millóns destinaranse ao desenvolvemento de 5G e 736 millóns, para continuar co despregamento de redes de banda ancha de alta capacidade. “Polo tanto estamos diante oportunidade única para a implantación da fibra no noso concello, ademais de converterse nunha oportunidade para impulsar proxectos competitivos ante a transformación dixital da economía local”, dixo González.
Nesta mesma sesión plenaria, o Grupo Socialista presentou outra proposta, aprobada por unanimidade, para apoiar as campañas relacionadas coa visibilidade e apoio ó colectivo LGTBI. “Unha das medidas mais inmediatas coa aprobación desta moción é declarar o concello de Baralla como Libre de LGTBIfobia. Dende tódolos recunchos, dende tódolos concellos pequenos ou grandes debemos reclamar á Xunta que se cumpra coa Lei e se constitúan os servizos municipais de mediación e información LGTBI”, insistiu o socialista.
Jaime Gonzalez sinala que a través desta proposta, “queremos restaurar e potenciar o respaldo institucional cara este colectivo”. Ademais hai que lembrar que tamén “presentamos un rogo para poñer a bandeira LGTBI o vindeiro 28 de xuño na casa do Concello, coincidindo co día do Orgullo LGBT. Xa que o que Concello non colocou a bandeira o pasado 17 maio, tal e como o solicitamos formalmente”, advirte.
Por último argumentou “dende o PSdeG entendemos que esta declaración é un paso moi importante para contribuír a facer de Baralla un concello moderno, solidario, aberto, plural e diverso, e sobretodo un concello que non consinte nin ampara unha soa agresión de homofobia ou de calquera índole”, resumiu Jaime Gonzalez.