Arroxo presenta o proxecto de peonalización da rúa Gallego Tato

Esta actuación executarase nunha zona importante de Lugo onde conflúen instalacións deportivas, centros de ensino, zonas verdes e o Centro Social da Piringalla
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou o proxecto de peonalización da rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, avanzando nas actuacións nas contornas escolares. O Tenente Alcalde afirmou que «hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel».
Rubén Arroxo presentou o proxecto de humanización da rúa Gallego Tato, no treito que comunica as rúas Lavandeira e Magnolia, ás representantes da directiva e da ANPA do CEIP Luís Pimentel. O Tenente Alcalde destacou que «este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza».
O Goberno de Lugo sacará abrirá o procedemento de licitación nas vindeiras semanas, cun orzamento base de 259.249,82€. «Buscamos executar a obra durante as vacacións de verán, para que co comezo do curso a maior parte dos traballos xa estén realizados, tratando de producir as menores molestias posibles ao normal funcionamento do centro escolar», declarou Arroxo.
«Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros», explicou o Tenente Alcalde, que engadiu «seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas».