Arroxo visita o comezo dos traballos de renovación da rúa Luís Seoane

Esta conversión permitirá gañar un espazo para as persoas, sen perder prazas de estacionamento, e ten un prazo de execución de 5 meses cun orzamento 388.429,75€

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou o comezo dos traballos renovación da rúa Luís Seoane, no barrio da Milagrosa. «Trátase dun proxecto importante para a mellora estética do barrio da Milagrosa, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, un modelo que está a funcionar noutras cidades e que demostrou a súa viabilidade en rúas estreiras», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «en Lugo xa aplicamos este modelo noutras zonas da cidade como a rúa Sanxillao ou en Fingoi de Abaixo».

Os traballos que veñen de comezar teñen un prazo de execución de 5 meses, e supoñen unha inversión de 388.429,75€ para o Goberno de Lugo. Xunto coa transformación da rúa, renovaranse tamén os servizos soterrados, como o alumeado, cuxa instalación se soterrará, e prepararse tamén o sistema de canalizado para facilitar o soterramento das instalacións de electricidade e telefonía. O modelo de Plataforma Única, permitirá gañar espazo para o tránsito peonil, sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento.

Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual. Rubén Arroxo explicou que «o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético».

A solución que executará o Goberno de Lugo eliminará as barreiras arquitectónicas da rúa, creando unha serie de espazos de relación e descanso que permitirán o desfrute da zona por parte da veciñanza, potenciando o carácter vivo da rúa ao longo do día. Estes espazos de relación dotaranse de mobiliario urbano como bancos e papeleiras, xerando pequenas prazas que favorezan  o caracter peonil do conxunto. Ademais, manteranse as árbores existentes na súa posición actual, garantindo zonas de sombra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.