As familias dos asturianos fusilados en Celanova en 1939 recibirán unha homenaxe o 4 de xuño

A corporación municipal ofrece unha recepción na Casa do Concello ás familiares de Abelardo Suárez e de Marcelino García, entre elas a filla deste, e a unha representación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova celebrará o próximo 4 de xuño o seu primeiro acto público de 2022. As familias de dous dos republicanos asturianos fusilados por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos a mañá do 22 de setembro de 1939 e soterrados no cemiterio de Celanova visitarán a vila, serán recibidos pola corporación municipal e participarán nunha xornada de conferencias sobre a memoria do campo de concentración de Camposancos e sobre o programa estatal de exhumación de fosas da guerra civil, que intervirá este ano nesa fosa de Celanova sinalada polo Comité.

Desde que a principios de ano o equipo Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, se reuniu con representantes do Goberno de Asturias, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova estivo ao tanto das negociacións para que as institucións públicas acordasen iniciar os traballos para a exhumación da fosa do cemiterio de Celanova, na que poden estar os restos de Abelardo Suárez del Busto; Alfonso Moreno Gayol; Baldomero Vigil Escalera Vallejo; Belarmino Álvarez García; Guillermo de Diego Álvarez; Marcelino Fernández García; e Mariano Blanco González.

Fernando Serrulla, médico forense do equipo Histagra, visitou hai uns meses ás familias de Abelardo Suárez e Marcelino Fernández en Xixón para obter mostras de ADN que poidan servir para contrastar cos restos que puidesen atoparse.

Serrulla, xunto co arqueólogo Fran Alonso, ofrecerá o día 4 en Celanova unha conferencia sobre o programa de exhumacións, os traballos que desenvolveu o seu equipo durante 2021 e os previstos para a campaña deste ano, entre os que se inclúe a intervención en Celanova.

As conferencias comezarán ás 17:00 horas coa presentación de A porta do inferno, a cargo de José Antonio Uris, co-autor xunto a Víctor Santidrián, dun ensaio publicado este ano que dá conta da historia do campo de concentración de Camposancos (A Guarda), onde foron encamiñados miles de presos asturianos despois da caída de Xixón no outono de 1937. Alí foron xulgados e condenados a morte os sete homes que acabarían sendo executados e soterrados no cemiterio celanovés.

O Comité elixiu o espazo do salón de actos do Instituto Celso Emilio Ferreiro porque recentemente se atopou información sobre que ese era o lugar no que se encerraba aos condenados a morte chegados de Camposancos a principios de 1939.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece á dirección do centro de ensino a súa colaboración, que amplía a prestada en setembro pasado cando se organizou o acto co Goberno de Asturias no patio do Instituto (antigo cárcere), e tamén a Alcaldía e ao Concello de Celanova, que axuda a sufragar os gastos desta próxima homenaxe e accedeu á petición do Comité de ofrecer unha recepción institucional ás vítimas, que en si constitúe un acto de reparación.

O cartel anunciador da homenaxe é obra de Baldo Ramos, quen ademais escribiu un poema e realizou un debuxo en dous manuscritos cos que o Comité agasallará ás familias.

O programa de actos é o seguinte:

HOMENAXE ÁS FAMILIAS DOS ASTURIANOS FUSILADOS NO CEMITERIO DE CELANOVA EN 1939

Sábado, 4 de xuño

12:30 horas. CASA DO CONCELLO

Recepción institucional ás familias de Abelardo Suárez e Marcelino Fernández.

17:00 horas. SALÓN DE ACTOS DO INSTITUTO

– Presentación do ensaio “A porta do inferno”, por José Antonio Uris.

– Conferencia. “As exhumacións de fosas en Galiza”, por Fran Alonso e Fernando Serrulla.

– Homenaxe ás familias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.