As praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo renovan un ano máis as súas bandeiras azuis

A senda costeira Razo-Baldaio tamén renova a distinción de Sendeiro Azul

A Bandeira Azul volverá a ondear este verán nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de facer pública a listaxe de praias con bandeira azul, que ten como principal obxectivo estimular o cumprimento da Directiva de Calidade de Augas de Baño da UE. Neste sentido, as cinco zonas de baño do litoral do Concello de Carballo que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria que podes consultar aquí.

Ademais de premiar a calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que pestan aos usuarios e usuarias, Adeac tamén volve a distinguir este ano a Senda do Mar Razo-Baldaio como Sendeiro Azul.

A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Nestes momentos está en marcha tamén o proceso de selección dos 32 socorristas que traballarán este verán nos areais, ao tempo que, de maneira coordinada coas diferentes institucións, empresas e entidades implicadas no desenvolvemento sostible do litoral, están a realizar a planificación de todos os servizos de cara á temporada estival.

Dende o ano 2014 está implantado un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Neste sentido resulta imprescindible a colaboración de todas as persoas usuarias para realizar unha xestión correcta dos residuos, ademais de respectar as especies de flora e fauna autóctonas da costa, algunha tan ameazada coma a píllara das dunas, e de respectar as medidas relativas á presenza de cans, que está totalmente prohibida desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.