Catro estudantes do máster de Videoxogos traballan desde Asturias na creación dunha experiencia de realidade virtual inspirada no universo Marvel

Por segundo ano consecutivo, un grupo de estudantes do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol está a realizar as súas prácticas curriculares en Inovace, unha das poucas empresas que existen en España especializada na creación de experiencias inmersivas a través de tecnoloxías como a realidade virtual ou a realidade aumentada

Desde Siero, en Asturias, Mónica García Arranz e Alicia Puentes Arnoso, traballan na creación dunha experiencia de realidade virtual inspirada no universo Marvel e, máis concretamente, nun dos seus personaxes máis coñecidos, o Doutor Estrano. Pola súa banda, Juan García Álvarez e Sergio García Álvarez, colaboran nun proxecto que ten como protagonistas aos Pitufos. Os xogos nos que están a traballar estes catro estudantes do Campus Industrial de Ferrol chegarán moi pronto ás salas do centro de entretemento e ocio familiar da Marvel Mission de Lisboa, no caso da experiencia do Doutor Estrano, e do Centro Madlab de Oviedo, no que atinxe ao proxecto dos Pitufos.

Hai tan só un par de días, a coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro Pena, visitaba as instalacións de Inovace en Siero. Esta empresa especializada na creación de experiencias inmersivas pertence ao grupo empresarial No Group e ten entre os seus clientes a xigantes como Lego ou Coca Cola. Na reunión coa CEO de No Group, María José Posada, e co director técnico de Inovace, Theo García, analizáronse novas vías de colaboración entre o Campus Industrial de Ferrol e a empresa asturiana.

Foto portada: A coordinadora do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro Pena, a segunda pola esquerda, visitaba hai uns días as instalacións de Innovace, empresa asturiana especializada na creación de experiencias inmersivas na que están a realizar as súas prácticas curriculares catro estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.