CCOO condena a agresión do alcalde de Ourense a unha compañeira do sindicato

A organización sindical exprésalle o seu apoio á agredida e coida «un desprestixio» para as institucións e para a cidade a continuidade de Jácome na alcaldía
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia condena enerxicamente a agresión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez, Jácome, a unha compañeira deste sindicato. A secretaria xeral, Amelia Pérez, coida que o rexedor ourensán «demostra claramente o seu carácter antidemocrático e machista» e exprésalle «todo o apoio das Comisións Obreiras» á agredida.
Este vergoñento episodio tivo lugar este martes no comezo da folga do transporte urbano. A compañeira agredida, membro da executiva comarcal de CCOO de Ourense, ofreceulle o megáfono ao primeiro edil para que puidese expoñerlles aos traballadores e traballadoras «a solución» ao conflito.
Porén, o primeiro edil ourensán reaccionou collendo o megáfono e, a seguir, empurrando a sindicalista, a quen acaba agredindo co propio megáfono. Por máis que o historial do alcalde acumula episodios polémicos e de desprezo polas organizacións sindicais e a clase traballadora, «hoxe cruzou unha liña vermella», advirten desde CCOO.
Para Comisións Obreiras, «cada día que un personaxe antidemocrático coma Jácome continúa ostentando un posto público é un desprestixio para as institucións e para Ourense». O sindicato conclúe esixindo «a asunción de responsabilidades» por estes feitos e anuncia que os servizos xurídicos do sindicato valorarán as accións que en dereito correspondan.