Comeza a renovación do asfalto do aparcadoiro exterior do Cemiteiro Municipal de Lugo

Rubén Arroxo: «Seguimos a traballar para consolidar o Cemiterio de Lugo como un referente dos cemiterios patrimoniais»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron o Cemiterio Municipal, onde veñen de comezar os traballos de renovación do asfaltado do aparcadoiro exterior desta instalación municipal. «Trátase dos viais que unen o cemiterio coa estrada de Esperante e coa Estrada Vella de Santiago, unha zona cuxo asfalto está xa moi desgastado e que fai preciso realizar unha actuación integral para garantir o funcionamento axeitado deste vial», explicou Rubén Arroxo.

A solución adoptada polo Goberno de Lugo consiste na aplicación dunha nova capa de rodadura, baseada en mestura bituminosa en quente cun espesor medio de 5 cm. Os traballos comezaron esta mañá coa limpeza do firme actual, garantindo a drenaxe da vía e evitando os efectos nocivos da auga unha vez se remate a renovación. Estes traballos supoñen un investimento de 71.722€ e teñen un prazo de execución de 21 días.

Rubén Arroxo destacou o traballo executado pola Tenencia de Alcaldía nos últimos anos para garantir as mellores condicións posibles no Cemiterio Municipal. «Durante o 2020 ampliamos o cemiterio, primeira ampliación que se fai desde o 2006, e nos últimos anos consolidouse a programación cultural, que se realiza de xeito estable durante todo o ano», afirmou o concelleiro, que engadiu «continuamos a traballar na mellora do Cemiterio para consolidalo como un referente internacional no eido dos cemiterios patrimoniais».

O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu ás antigas instalacións de Magoi. A versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.