Comeza o Lugo Máxico 2022

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, asistiron á gala do valenciano Mago Orbit, que deu comezo ao Lugo Máxico 2022. Maite Ferreiro afirmou que «esta fin de semana estarán en Lugo unha serie de magos de gran calidade e recoñecemento, tanto galegos como do resto do estado e de Portugal».

O Lugo Máxico 2022 consta de 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo que se realizaron durante esta semana, como a sesión de maxia nos vieiros escolares do Colexio de Albeiros. O HULA acolleu tamén sesións de maxia cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.

Mañá, sábado 28, a praza Anxo Fernández Gómez acollerá a Feira dos Imposibles, organizada pola compañía Civi Civiac, e que está dirixida a todo tipo de públicos. Nesta feira, dúas personaxes proporán xogos con diferentes caixas e obxectos misteriosos. A Feira contará con 25 elementos distintos entre artiluxios de inxenio, caleidoscopios, cadros de dobre visión, inventos máxicos e ilusións ópticas. A actividade terá lugar pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

Tamén na praza Anxo Fernández Gómez os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena impartirán distintos obradoiros pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00.

A xornada de sábado rematará a partir das 19:00 coa gala Galego-Portuguesa. Cayetano Lledó presentará a gala na que actuarán os magos Cali, Camilo Vázquez, Kiko Pastur, David Méndez, Mago Romaris e David Sousa.

O domingo 29 será o día grande do Lugo Máxico 2022. A xornada comezará ás 11:30 no Hotel Méndez Núñez, coa conferencia A maxia de David Sousa, a cargo do mago portugués, e destinada á formación das e dos profesionais da maxia.

Os obradoiros de Marcos Waldemar e Nacho Samena continuarán na praza Anxo Fernández Gómez entre as 11:00 e as 14:00, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

A praza Horta do Seminario acollerá unha gala infantil a cargo do mago Enric Magoo a partir das 13:00. Enric Magoo recibiu numerosos premios, tanto a nivel estatal como internacional nos seus máis de 30 anos de carreira artística. Ademais, é o director do festival internacional de maxia de Badalona.

A partir das 18:30 o Vello Cárcere acollerá a conferencia Do xamón ao mago. Como a maxia se converteu nunha arte?, a cargo do investigador Ramón Mayrata, e aberta ao público xeral. Mayrata ten unha recoñecida traxectoria como investigador e historiador do ilusionismo, e fundou, xunto co mago Juan Tamariz, a editorial Frakson, especializada en textos de maxia.

O Lugo Máxico 2022 rematará coa Gran Gala Lugo Máxico, a partir das 20:00 na praza Horta do Seminario. Camilo Vázquez será o conductor da gala que contará coas actuacións de Fernando Keller, Jessica Guloomal, Enric Magoo, Luís Manuel e o Mag Albert.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2022 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.