Concerto de Sheila Patricia, espectáculos infantís e música e baile tradicionais para conmemorar o Día das Letras Galegas na Laracha

A programación municipal desenvolverase entre o 15 e o 19 de maio

O 17 de maio celebrarase o Día das Letras Galegas, que nesta ocasión se dedica ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Como cada ano o Concello organiza en torno a esta data unha ampla programación municipal dirixida a todos os públicos.

O primeiro dos eventos será o domingo 15 de maio. A música e o baile tradicionais galegos serán os protagonistas das actuacións que ofrecerán as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión na praza Olonne sur Mer da Laracha a partir das 18:00 horas.

Nese mesmo lugar, o día seguinte (luns 16) ás 22:00 horas comezará o concerto de Sheila Patricia, artista emerxente que é considerada pola crítica musical como unha das voces de referencia da nova canción de autora en Galicia. A Laracha é o lugar escollido para presentar por primeira vez en concerto o seu novo disco Orixe, no que fusiona tradición e modernidade a través de ritmos e sons de todo o mundo. Este álbum inclúe dous temas con protagonismo para o noso municipio como son Canto de Caión e Maneo de Caión.

Os espectáculos para o público infantil e familiar tamén terán unha presenza destacada na programación municipal en torno ao Día das Letras Galegas, con propostas culturais nas tres vilas, todas elas a partir das 18:00 horas e con entrada libre e gratuíta.

A primeira será  o luns 16 na Casa da Cultura da Laracha co espectáculo Brincadeiras da lingua, de Migallas Teatro.

O mércores 18 a biblioteca de Paiosaco acollerá o contacontos Rosa Caramelo e outras historias a cargo de Talía Teatro.

O programa pecharase o xoves 19 no centro sociocomunitario de Caión co artista Magín Blanco e o seu contacontos musical O que levamos nas maletas.

Ademais, ata o 18 de maio estará aberto o prazo para participar na segunda edición do concurso de marcapáxinas dirixido ao alumnado de educación primaria -nenos de idades comprendidas entre os seis e os doce anos-. As elaboracións poden presentarse en calquera das bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión). Están establecidas dúas categorías de premios, sendo a primeira para o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, e a segunda, para os de 4º, 5º e 6º de primaria. En cada categoría haberá dous galardóns compostos por lotes de libros ou material didáctico e educativo adaptado ás idades dos gañadores. Ademais, os dous traballos de cada categoría mellor valorados polo xurado serán editados polo Concello e distribuídos como os marcapáxinas oficiais da rede de bibliotecas municipais. As bases poden consultarse na web municipal.

Para a organización do programa o Concello conta coa colaboración da Xunta de Galicia, dentro da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e a través do programa Ler conta moito

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.