Continúan as actuacións no barrio das Gándaras ca renovación do asfalto de varias rúas

Rubén Arroxo: «Continuamos a avanzar na atención aos barrios e zonas periurbanas»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, informou do inicio dos traballos de renovación de tres novos viais na zona das Gándaras. «Trátase dunha actuación que complementa ao traballo executado o pasado verán, co obxectivo de avanzar na renovación integral deste barrio da cidade», explicou Arroxo. O Goberno de Lugo está a actuar nas rúas Ouriol, Garza e Tras do Colexio.

A solución adoptada consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez realizados estes traballos, renovarase a sinalización horizontal da zona. Esta intervención supón un investimento de 38.096,68€, para o asfaltado conxunto destas tres rúas, xunto co Camiño das Regas e a Pista da Fervedoira.

«Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas», afirmou Arroxo, que engadiu «desde a concellería de Infraestruturas planificamos o traballo a realizar tendo en conta as solicitudes das veciñas e veciños, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da zona na que viven».

Durante o ano pasado, o Goberno de Lugo realizou unha importante intervención nas Gándaras, renovando o asfalto das rúas Vagalume, Bolboreta, Paporrubio, Galo, Gaivota, Toledo, Areas, Rola, Camiño de Gustavo e Pombo, ademais dos ramais de acceso da rúa da Rola á Avenida Adolfo Suárez, Bolboreta a Monte Pía Páxaro e Adolfo Suarez á Urbanización Castro Gil. Os traballos consistiron na aplicación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga e unha prolongada duración da actuación, e na renovación da sinalización horizontal, que se mellorou nos cruces complicados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.