Continúan as melloras na estrada da Pastoriza a Muimenta

Esta vía é moi utilizada pola veciñanza de Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, así como polas persoas que se desprazan pola comarca chairega e os usuarios e usuarias das diferentes instalacións deportivas ás que dá servizo
A Deputación de Lugo investirá 363.000€ para continuar coas melloras da estrada provincial LU-P-4401, que conecta Pastoriza e Muimenta pola parroquia de Reigosa. A Xunta de Goberno vén de aprobar a licitación destes traballos, que comprenden o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,550. Unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución é de 3 meses.
Esta actuación contempla a dotación de novas beirarrúas nas marxes da estrada, rehabilitación do firme, sinalización mediante marcas reflexivas brancas e melloras na iluminación coa reposición de elementos. Estes traballos complementan os xa iniciados nesta vía para arranxar, por tramos, o pavimento de preto de 11 quilómetros e renovar a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€, o que redundará na mellora da comodidade e seguridade da vía.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou que esta é unha estrada “moi empregada pola veciñanza dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, pero tamén polas persoas que se desprazan pola comarca chairega”. Engadiu que esta actuación beneficiará tamén aos usuarios e usuarias das instalacións deportivas ás que dá servizo, como o polideportivo e as piscinas municipais da Pastoriza ou o campo de fútbol do Acebreiro.