Denuncian a destrución e degradación das Veigas do río Lobás en Calvos de Randín (Ourense)

Desde Verdegaia denuncian a destrución e a degradación das Veigas do río Lobás, con concello ourensán de Calvos de Randín, na comarca da Baixa Limia

A Veiga do río Lobás, na comarca da Baixa Limia leva anos sofrendo unha importante degradación dos seus sistemas naturais coa expansión da gandeiría intensiva que nos últimos tempos se está a incrementar o que acelera a degradación deste sistema.

O aumento da produción de porcino, nos últimos anos, ten levado a un forte incremento na produción de residuos, nomeadamente residuos orgánicos en estado liquido coñecidos como xurros que, sen posibilidade de tratamento in situ, o que fai que se estexa a espallar por toda a comarca e zonas limítrofes en cantidades moi superiores ás permitidas,provocando un forte impacto ambiental.

Esta é unha zona que, polos seus valores naturais, debería ser protexida e excluída do proceso de concentración parcelaria e, así se recolle na Declaración de Impacto Ambiental da zona de Concentración Parcelaria de Castelaus-Lobás, no Concello de Calvos de Randín, publicada en agosto de 2013 e tamén recollida no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza cando se refire á zona asociada á veiga do Río Lobás, próximo ao núcleo de poboación de Serois.

Desde Verdegaia denuncian que a pesar disto, «nos últimos meses vense realizando nesta área unha roturación con maquinaria pesada que implica a total destrución do hábitat que afecta á práctica totalidade da súa superficie, que conformaban esta zona protexida da realización de actividade agrícola. Aproximadamente a 10 das 12 hectáreas están sendo destruídas co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira, o que levará a contaminación de augas superficiais e internas e do solo».

«Queremos salientar que nesta área está un dos Hábitat da lista da DIRECTIVA 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, concretamente o denominado «Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliarise Erica tetralix». Este hábitat, recoñécido pola administración, posúe unha grande importancia pola súa riqueza ecolóxica e polo seu papel como reservorio de Carbono en forma orgánica, tan necesario hoxe en día se temos en conta a situación de emerxencia climática que padecemos».

Denuncian tamén a ilegalidade destas actuacións que provocan un severo impacto ambiental ano tras ano conducindo a unha espiral de degradación á que non se lle pon límite acabará coa destrucción total desta zona. «Pedimos que se investigue, se identifique sancione aos responsables. Esiximos que a Administración actúe e paralice calquera actuación nesa zona e que se procure a restauración da zona degradada».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.