Deseucaliptización no Monte Fontelo (Monte do Estado), Ferrol, hoxe

As Asociacións Veciñais de Brión e San Filipe, coa colaboración das Asociacións Betula e Xeración, continuaran cos traballos para consolidar unha das mellores fragas autóctonas do concello de Ferrol, con espectaculares vistas sobre a ría.

Logo da primeira e exitosa actuación que tivo lugar en xaneiro, volven as Brigadas ao Monte Fontelo (tamén coñecido como Monte do Estado, por ser titularidade da base naval da Graña), hoxe sábado 28 de maio.

De novo, por iniciativa das AV de Brión e San Filipe, coa colaboración das Asociacións Betula e Xeración, continuaran cos traballos para consolidar unha das mellores fragas autóctonas do concello de Ferrol, con espectaculares vistas sobre a ría.

Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocantes obtiveron novamente permiso de actuación dos titulares do monte.

Na xornada do sábado 28 actuarase na zona do cume do monte, nos bordes da fraga, onde os millares de pequenos eucaliptos de semente ameazan con substituír o monte baixo e impedir a continuidade visual sobre o conxunto da ría. As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo. Debido ao pequeno tamaño da maioría dos eucaliptos de semente non vai facer falta moita ferramenta, xa que a maioría arríncanse coa man. Mesmo así, por se algún se resistise, a organización levará machados e sachos, que estarán á disposición das persoas voluntarias, que obviamente poden traer tamén a ferramenta que consideren oportuna.

A área de traballo non ten pendente nin dificultade algunha polo que é unha xornada apta para persoas de calquera capacidade física ou con pouco afeitas ao traballo no monte, así como crianzas e maiores.

O punto de encontro onde deixar os coches será no cruce da Cheira de Brión ás 9:00 h da mañá. Despois da actuación, sobre as 14h. a organización convidará as persoas participantes a un xantar colectivo na AV de Valón.

As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras. Mediante a erradicación destas especies e a súa substitución por outras autóctonas de alto valor ecosistémico. As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volten a ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, actuando como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.