Día das Letras Galegas. Declaración da Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CCOO Galicia

O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao avogado, político galeguista e escritor Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1906 – Estados Unidos, 1987). Defender a Galicia e a lingua galega, situarse do lado da democracia e da República e combater o fascismo acabarían obrigando a Delgado Gurriarán a padecer un longo exilio. Os seus principios e traxectoria vital ligan o homenaxeado cos valores que defende o Sindicato Nacional de CCOO, que aplaude a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar ao valdeorrés tan emblemática data.

Un 17 de Maio que para CCOO tamén é especial, pois este ano cúmprese o 50.º aniversario do 10 de Marzo, a data máis importante para o noso sindicato. Cinco décadas desde que a represión franquista lles custara a vida a dous traballadores que se mobilizaban en Ferrol por un convenio digno. Medio século, tamén, da vaga de solidariedade que se estendeu por toda Galicia a raíz daquela represión, que culminaría na histórica folga en Vigo naquel verán de 1972. A forza do movemento obreiro marcou o comezo da fin da ditadura.

Naquela altura, a loita obreira liderábana as Comisións Obreiras e na oposición antifranquista tiña un papel predominante o PC. Moitas das revistas e panfletos que editaban ambas as organizacións para chamar á revolta —depositadas no arquivo da nosa Fundación 10 de Marzo— xa se escribían en galego. Nun momento en que a loita polos dereitos e as liberdades se podía pagar incluso coa propia vida, o movemento obreiro asumiu a lingua galega como un dos seus valores, unha mostra máis de que a loita obreira e a loita pola identidade e personalidade de Galicia ían da man.

Recuperar o consenso sobre a lingua galega

Este 17 de Maio ten lugar, tamén, nun contexto singular, cun cambio na presidencia da Xunta de Galicia despois de trece anos. Novo presidente, pero non novas políticas, pois o propio discurso de investidura de Alfonso Rueda xa deixou claro que non haberá sorpresas. Non se prevé, polo tanto, a derrogación das normas regresivas para o galego aprobadas durante o mandato de Feijóo, co aplauso de quen agora dirixe os destinos do noso país.

En abril do 2009, Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta acompañado de Rueda como vicepresidente. Só dous meses antes, o líder do PP de Pontevedra manifestábase nas rúas de Santiago de Compostela esixindo rebaixar o estatus legal da lingua galega. Un ano despois aprobábase o chamado do decreto do plurilingüismo, a maior agresión contra a nosa lingua desde o regreso da democracia.

As consecuencias de máis dunha década de aplicación do decreto vémolas nos sucesivos informes de institucións como a Real Academia Galega. O máis recente constata a ruptura da transmisión xeracional do idioma e sinala que máis dun terzo do alumnado castelanfalante remata o ensino obrigatorio cunha «escasa competencia» en galego.

Desde a súa constitución en 1978, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia aprobou que o galego sexa o seu idioma oficial. Con esta lexitimidade, xunto coa que lle confire ser unha das principais organizacións sociais do país, CCOO demanda que o cambio na presidencia da Xunta leve, tamén, a unha reflexión pública sobre a necesidade de recuperar o consenso ao redor do galego, como o que permitiu aprobar hai case corenta anos a aínda vixente Lei de normalización lingüística.

Foto: uvigo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.