Entidades europeas participan nunha actividade formativa no centro que ten COGAMI en Lugo

Durante esta semana, representantes de entidades de Grecia, Romanía e Lituania coñecerán de preto o traballo que desenvolve o centro de COGAMI

O centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi desenvolve, dende o ano 2019 xunto a entidades sociais de Grecia, Romanía e Lituania, un proxecto europeo que leva por nome Artability+, integrado no programa Erasmus+.  Artability+ vén sendo arte para a participación social, unha oportunidade de formación dirixida a persoas adultas con discapacidade coa que se pretende mellorar a súa participación e inclusión social mediante a xeración de expresións artísticas e do consumo de cultura en contornas normalizadas.

Durante esta semana, o centro de COGAMI actúa como anfitrión de profesionais e persoas usuarias das entidades socias: a grega Antigone, a romanesa Romanía – Youth Association from Transylvania(ATA) e a lituana Valakupiai Rehabilitation Centre – VRC.

Ao longo dos case tres anos de proxectos, COGAMI xunto con estas entidades, intercambiaron coñecementos, información e boas praxes, deseñaron e experimentaron un curriculum formativo e organizaron diversas exposicións nos diferentes países para amosar algunhas das pezas creadas. En todos os procesos, as persoas adultas con discapacidade foron as protagonistas deste proxecto e non meras receptoras do coñecemento.

Nesta parte final de Artability+, e como parte presencial dunha formación transnacional, 11 persoas participantes nas entidades socias viñeron ata o centro de COGAMI en Lugo para poñer en práctica o aprendido para a montaxe de exposicións, como a que están a preparar de maneira virtual e á que se poderá acceder dende a web do proxecto.

Ademais da preparación desta mostra, outras actividades programadas para estes días na cidade lucense serán a visita á mostra Ataque de Inspiración na Biblioteca Pública de Lugo, que conta con obras creadas polas persoas usuarias do obradoiro artístico do centro de COGAMI, ademais de asistir a un obradoiro colectivo que impartirá o artista Alberto Pena e organizado pola Rede Museística de Lugo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.