Esmorece o ensino na montaña de Lugo

A montaña de Lugo apágase paseniñamente camiño da indiferenza, aínda máis da existente, con varios concellos nos que súas escolas van camiño de pechar.
Ás habituais manifestacións semanais en Becerreá, como centro de referencia da contorna no que non se imparten materias con menos de cinco alumnos, súmanse as dificultades nos CPI de Cervantes e Navia, onde de continuar así, máis pronto que tarde, aparecerán decisións contundentes.
A CIG como sindicato maioritario no ensino galego, leva asumindo o peso das manifestacións e protestas, mentres algunhas outras opcións sindicais, manteñen certa distancia ata o momento.
Os nenos da montaña de Lugo, ven como teñen dificultades no acceso a algunhas das materias de optatividade, co que para cursar certas carreiras universitarias, téñense que desprazar a Lugo para facer o Bacharelato. Perderá máis pronto que tarde Becerreá o seu Bacharelato? Cal é a actividade do CFEA de Becerreá? Moitas dúbidas, cecais sen interese en resolvelas.
Noutros puntos da comarca como Cervantes, o catálogo de mestres e profesores é cada vez inferior e comezan a saltar todas as alarmas. Polo de agora Pedrafita, mantén a ESO, mentres que Nogais está nunha alarmante situación.
Ao outro lado da comarca, Baralla continúa tendo dificultades para implantar a xornada única, co prexuízo que iso supón e agora tamén co proceso de dirección en camiño, que pode meter nalgún apuro á Inspección pola porta de atrás, sendo casualmente o mesmo inspector que executa a caída do IES de Becerreá.
Por elo, o movemento da comarca debera ser cando menos activo para paliar os déficits demográficos e poboacionais, a maiores do propio proceso de activación realizado polo sindicato CIG e os docentes activos que teñen en varios destes centros.
Foto portada, YouTube. CFEA de Becerreá