Este xoves preséntase ‘O eco das estrelas’, unha viaxe ao mundo da música medieval no Camiño de Santiago

A Editorial Canela presenta o vindeiro día 2 de xuño a súa última publicación, ‘O eco das estrelas’, no salón de actos do Museo das Peregrinacións de Santiago

Este importante proxecto, realizado por relevantes autores integramente en Galicia, aporta información rigorosa e actualizada sobre a música medieval presente no Camiño de Santiago.

A obra

O eco das estrelas é unha viaxe ao mundo musical da Idade Media que se centra principalmente no cuadrante noroeste da Península Ibérica e que ten como guía e protagonista o Camiño de Santiago e a súa cidade de chegada, Santiago de Compostela, un centro cultural da máxima importancia nos séculos XII e XII.

O libro está dividido en catro partes, redactadas, cada unha delas, por un autor especialista na súa área, que repasan e actualizan o contexto histórico, a música, os instrumentos musicais, a arte románica, a música relixiosa e profana, os textos e a lírica ou o mundo dos trobadores, xograres e danzantes, entre outros múltiplos argumentos.

O volume está ilustrado con máis de 200 fotografías, ademais de con diversos debuxos, a maioría delas da autoría de José M. Salgado, inéditas e preparadas en exclusiva para esta obra: van impresas a páxina completa, ou a dobre páxina, para permitir unha lectura clara e detallada de cada elemento que se aborda.

É esta unha obra única, rigorosa, actual, de contido enriquecedor, con imaxes que impresionan polo seu detalle e riqueza e que contén información imprescindible, un libro de referencia e de consulta necesaria, de lectura amena, que atrapará o lector como obxecto visual e que espertará nel o gozo de achegarse e de ver, sentir e escoitar, a través dos textos e das fotografías, un dos máis impresionantes patrimonios da Humanidade.

Máis información

Os autores

Mariña Arbor Aldea é graduada en Filoloxía Hispánica, Licenciada e Doutora en Filoloxía Románica, Premio Extraordinario de Licenciatura, Premio Extraordinario de Doutoramento e Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica. Tras formarse na Universidade de Santiago e despois de realizar un bienio de posdoutoramento na Università degli Studi di Padova (Italia), regresou á USC como Investigadora Ramón y Cajal. Nesta Universidade desenvolve agora o seu labor como Profesora Titular no Departamento de Filoloxía Galega.

Entre as súas publicacións, ademais dunha setentena de artigos e capítulos de libros, destacan O cancioneiro de don Afonso Sanchez. Edición e estudio (2001), Cancioneiro da Ajuda [edición facsímile] (2008), Cancioneiro da Ajuda. Transcrición e notas (2015), que asinou como autora única, ou os volumes en que participa como autora e coordinadora, como Estudos de edición crítica e lírica galego-portuguesa (2010), Pergamino Vindel (2016), Transitando polas vías da lírica hispánica. A ruta dos trobadores (2020) ou Vai lavar cabelos na fontana fría. As orixes da lírica hispánica (2021). Ademais, traduciu e adaptou ao galego os volumes El canon de la literatura europea (2012) ou A lingua das cantigas. Gramática do galego-portugués (2019). Finalmente, a profesora Arbor Aldea traballa activamente no Portal Universo Cantigas, de que é Investigadora Principal, xunto co Profesor Manuel Ferreiro, que ten como obxectivo editar en liña toda a lírica medieval galego-portuguesa.

Francisco Luengo é músico, investigador de organoloxía medieval e construtor de instrumentos musicais medievais, barrocos e renacentistas. Dirixiu a Capela Compostelana desde a súa creación en 1988, coa que publicou dous discos: José de Vaquedano (1991) e José de Vaquedano: Villancicos a Santiago (1993). No 2000 fundou, e actualmente dirixe, o grupo Malandança, que interpreta música medieval con instrumentos orixinais e con quen publicou Unha noite na corte do Rei Afonso (2001) e Mya Senhor Velida (2018). En 2004 transcribiu, coordinou e dirixiu varias representacións na Catedral de Santiago do Ordo Prophetarum, gravado e publicado polo Consello da Cultura Galega nun libro-DVD o ano 2006. Xunto con Xurxo Varela, publicou o CD My Singular Entertainment, and Delight (2009) e Le Nymphe di Rheno (2013).

Participou no Proxecto da reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, patrocinado pola Fundación Barrié de la Maza entre os anos 1989- 1992, e formou parte do equipo de especialistas do Proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pazo de Xelmírez, emprendido pola Deputación Provincial de Lugo no período 1993-1994.

Entre a súa bibliografía podemos citar: “Los instrumentos del Pórtico”, en El Pórtico de la Gloria, Música, Arte y Pensamiento (1988); «Comentario sobre la reconstrucción de las violas ovales del Pórtico de la Gloria”, en Los Instrumentos del Pórtico de la Gloria. Su reconstrucción y la música de su tiempo (1993); “Instruments à archet dans le nord- ouest de la péninsule Ibérique (XIIe et XIII siècles”, en Instruments à cordes du Moyen Âge (1999), ou “Os instrumentos musicais na Compostela medieval”, en Instrumentos de Corda Medievais (2006).

Ademais, Francisco Luengo desenvolve un intenso traballo en cursos, conferencias, exposicións e publicacións, ao tempo que colabora con outros grupos dedicados á música antiga, cos que realizou gravacións, concertos e xiras por varios países de Europa, Asia, América e África.

José M. Salgado é Licenciado en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid e fotógrafo profesional cunha longa traxectoria no eido editorial; ademais participa e promove diversas actividades relacionadas coa difusión cultural, o comisariado de exposicións, a edición de libros e a creación de contidos multimedia.

Colaborou en diferentes medios escritos, como o xornal La Voz de Galicia, a revista Muy Interesante, en revistas de viaxes (Viajes National Geographic, Viajar, Península, Paisajes desde el tren etc.), aínda que o seu labor se centrou fundamentalmente no mundo editorial e institucional, ilustrando máis dunha vintena de libros.

É membro de APECSA (Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago). En calidade de autor asinou o libro de fotografías A Idade do Ferro / La Edad del Hierro, publicado por Editorial Canela en 2018.

 

Francisco Singul é doutor en Historia da Arte, xefe de área de Cultura Xacobea da SA de Xestión do Plan Xacobeo (Xunta de Galicia), investigador, comisario de exposicións e escritor. Participou en numerosos congresos internacionais sobre as peregrinacións a Santiago de Compostela, dirixiu e coordinou varios libros colectivos sobre a Catedral de Santiago, a pratería e o acibeche composteláns e sobre o Camiño de Santiago. Así mesmo, é autor de varios libros de temática xacobea e de artigos sobre arte galega e sobre as peregrinacións xacobeas, aparecidos en revistas internacionais, obras colectivas e actas de congresos. Entre os seus títulos podemos citar:

Historia Cultural do Camiño de Santiago (1999), O Caminho de Santiago. A peregrinação ocidental na Idade Média (1999), La Ciudad de las Luces (2001), Cammino di Santiago. Cultura e pensiero (2007), Camino de Santiago (2008), Vino y cultura medieval. Galicia y los caminos de Santiago (2010), Diego Gelmírez, señor de Torres de Oeste (2014), El Camino Francés en el Códice Calixtino (2016) ou Camino que vence al tiempo. La peregrinación a Compostela (2020).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.