Eugenia Requeijo subliña o compromiso do PP e da Xunta coa mellora da LU-540 e da súa seguridade viaria

A voceira do Grupo Municipal do PP de Muras e presidenta local da formación, Eugenia Requeijo, defende “o compromiso do PP e da Xunta coa mellora da capacidade e da seguridade viaria da LU-540”.

A popular aclara que “o proxecto incorporou unha proposta do Grupo Municipal Popular e tamén outra das achegadas polo goberno local. Así o puiden comprobar durante a presentación do proxecto que ofreceu a conselleira o 4 deste mes en Celeiro e ao que nin o alcalde nin ningún outro membro do goberno asistiron pese a estar invitados, o que demostra a súa falta de interese”.

Eugenia Requeijo explica que “o proxecto inclúe a mellora da saída de Muras cara a Xermade e Vilalba, no entronque entre a LU-172 e a LU-540, onde presenta unha pendente pronunciada que dificulta a circulación de vehículos pesados, especialmente. Esta foi unha proposta do noso Grupo Municipal que foi estudada e aceptada pola Xunta que tamén estudou ás presentadas polo goberno local. Así, o proxecto inclúe tamén o acondicionamento dun camiño de servizo que permita a circulación de tractores e outros vehículos pola marxe desta vía autonómica sen necesidade de compartir espazo co resto do tráfico”.

A proposta para a construción dun paso inferior no alto da Gañidoira, onde se celebra a anual Feira do Poltro, “foi estudada pola administración autonómica, pero foi rexeitada debido á elevada inversión que supón – cunha estimación inicial de preto de medio millón de euros-  para o seu uso nun único día ao ano no que se reforza a seguridade con efectivos da Garda Civil”. Ademais, a popular subliña que “existen outros tres pasos subterráneos en dirección Viveiro en menos dun quilómetro”. Polo tanto, os populares pregúntanse “se o interese do alcalde pola construción dun novo paso subterráneo responde ao beneficio propio; xa que as fincas da zona son propiedade da súa familia”.

“Non hai polígono en Muras porque falta documentación do Concello”

Eugenia Requeijo apunta tamén que “non pode haber conexión co polígono industrial porque non hai polígono industrial en Muras” debido a que “o goberno local non aporta a documentación relativa aos servizos urbanísticos pendentes. É máis, a zona onde está previsto acondicionar o polígono da Cabana atópase totalmente abandonada chea de toxos e xestas”.

Recentemente, a Xunta ampliou a vixencia dun informe ambiental que caducaba este ano para que o Concello non tivese que volver iniciar o procedemento e, polo tanto, evitar atrasar o proxecto que está parado á espera de que o Concello aporte a documentación requirida”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.