EUROPE DIRECT A Coruña abre a ‘Estación Verde’, un espazo virtual en 3D sobre a política medio ambiental europea

Un bosque dixital acolle a mostra Pacto Verde Europeo, vídeos sobre sostibilidade realizados por alumnado de oito escolas implicadas en asuntos europeos e un escape room que pon a proba os coñecementos ambientais de maiores e pequenos

EUROPE DIRECT A Coruña abre Estación Verde, unha contorna virtual en tres dimensións con información, vídeos e contidos didácticos sobre o Pacto Verde Europeo. Este espazo dixital e natural, nun bosque rodeado de árbores, permite ás persoas usuarias desprazarse e explorar a Estación Verde de maneira autónoma para descubrir os seus contidos. Pódese acceder no enderezo: https://www.dacoruna.gal/europedirect/estacionverde/

Na Estación Verde pódese realizar unha visita virtual á mostra Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña que percorrerá este verán cinco concellos da provincia, así como outros contidos creados por e para a mocidade. Entre eles, cómpre destacar os vídeos creados por mozos e mozas de oito centros educativos de Galicia.

Durante os últimos meses, estes centros educativos, implicados na rede de escolas activas en asuntos europeos de EUROPE DIRECT A Coruña, estiveron traballando nas aulas sobre contidos de medio ambiente e sostibilidade para crearen propostas audiovisuais ao redor desta temática. No proxecto participan seis Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia: IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, IES Valle-Inclán (Pontevedra), Colexio Miraflores (Ourense), Colexio Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e Colexio Vivas (Vigo). Ademais, sumáronse ao proxecto o CEIP Sigüeiro de Oroso e o IESP Pedra da Aguia de Camariñas, centro este último cunha dilatada traxectoria en actividades europeas.

A Estación Verde ten unha estrutura circular que alberga tamén contidos audiovisuais xerados polo centro EUROPE DIRECT A Coruña, como o escape room sobre o Pacto Verde Europeo. Neste xogo en liña, con versións en galego e castelán, pequenos e maiores deben ir superando probas relativas á política medioambiental europea para conseguir unha clave final.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como  proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.