EUROPE DIRECT A Coruña inaugura unha exposición itinerante que levará o Pacto Verde Europeo a cinco concellos da provincia

A mostra, que se abre o próximo día 6 de maio, fará paradas de dúas semanas nos concellos de Ames, Culleredo, Pontedeume, Ponteceso e Valdoviño dende o 6 de maio ata mediados de xullo

O centro EUROPE DIRECT A Coruña abre o vindeiro venres 6 de maio unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo que fará paradas en cinco concellos da provincia durante os próximos meses. A mostra, que dá a coñecer os  obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos, é unha das actividades previstas polo centro oficial de información europea da Deputación da Coruña para celebrar o 9 maio, Día de Europa.

A exposición, que estará situada ao aire libre para facilitar o acceso da cidadanía, terá como primeiro destino o Concello de Ames, onde poderá visitarse dende o 6 ata o 20 de maio na Travesía do Porto, en Milladoiro. A inauguración terá lugar o 10 de maio  ás 12.30 horas, e contará cunha actuación artística de malabares, acrobacias e equilibrios para o público asistente e que servirá de introdución á temática da mostra.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

Experiencia interactiva

Nos paneis que compoñen a mostra hai tamén códigos QR que permiten ampliar a experiencia e levala a unha dimensión interactiva. Así, poderase atopar a Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se atopan vídeos realizados polo alumnado de  centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña.

Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades.

Paradas da exposición

A mostra, realizada con materiais reciclados e reutilizables, realizará a segunda parada do 20 de maio ao 3 de xuño no Parque Europa de O Burgo, en Culleredo. A continuación, poderá visitarse no Paseo Marítimo de Pontedeume entre o 3 e o 17 de xuño; en Ponteceso na praza do Relleno dende o 17 ata o 1 de xullo e, finalmente, en Valdoviño, na praia da Frouxeira, durante a primeira quincena de xullo. Cada unha das paradas contará tamén cunha actuación da performance artística sobre o Pacto Verde Europeo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.