Finaliza o curso de velería tradicional promovido polo GALP Golfo Ártabro Sur

O interese por esta formación especializada chegou ata entidades do País Vasco

Este sábado, tras 16 horas de formación, finaliza o II Curso de velería para embarcacións tradicionais promovido mais financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur. As instalacións da empresa Finishterra Sails, localizada no peirao de Oza (A Coruña) acollerán (9.45 a 14.00h) a última das catro xornadas do curso, que está sendo impartido pola Asociación Os Patexeiros.

Os 14 alumnos aproveitarán as 4 horas de mañá para finalizar a confección dunha vela cangrexa e a súa funda. Este tipo de aparello utilízase nos coñecidos como “botes do norte”. Previamente, déronselles unhas nocións básicas e formación teórica para saber como montar e coser as pezas de tela e tamén se achegaron ao barco para tomar medidas para confeccionar a funda a medida.

O fin desta aprendizaxe especializada é fomentar os oficios tradicionais mariñeiros, entre os que se atopan o amaño das velas das embarcacións, para promover e colaborar na conservación do patrimonio cultural marítimo desta zona de Galicia. Neste sentido desde o GALP destacan que “un ano máis, estamos moi satisfeitos de seguir sumando esforzos e sinerxias con entidades de referencia no noso territorio como é a Asociación Os Patexeiros para recuperar e poñer en valor os oficios do mar vencellados ás embarcacións tradicionais”.

Os Patexeiros levan desde 2009, ano no que se federaron, apostando pola recuperación do patrimonio marítimo material e inmaterial de Galicia, e do Golfo Ártabro en particular, co mantemento e reparación de barcos e tamén impartindo clases de vela tradicional. Actualmente, teñen recuperado unha ducia de embarcacións tradicionais sumando as que son propiedade da entidade e as dos socios.

Jaime Paz Loureiro, un dos fundadores dos Patexeiros, representante e actual tesoureiro, explica que este curso era de perfeccionamento e xerou moito interese. Recibiron bastantes consultas e as 14 prazas dispoñibles cubríronse sen problema. Incluso, recorda, se puxo en contacto con eles unha asociación de cultura marítima tradicional do País Vasco que valorou seriamente asistir por considerala unha formación específica de grande interese.

Este II Curso de velería tradicional é unha das actividades incluídas na Axenda 2022 do GALP Golfo Ártabro Sur para conmemorar o Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.