GañaMós pide garantías de que o futuro centro sociosanitario do Rebullón será de xestión pública

Nidia Arévalo e Núñez Feijóo anunciaron o proxecto sen ofrecer detalles sobre o orzamento asignado nin as súas características técnicas. Aínda non se aclarou se o complexo contará cun centro de día nin o número de prazas dispoñibles na residencia de maiores
O Grupo Municipal de GañaMós Asemblea Veciñal reclamará, no próximo pleno, máis información sobre o futuro centro sociosanitario do Rebullón. Con este proxecto, anunciado o pasado 18 de abril, preténdese dotar de novo uso ás dependencias do antigo hospital psiquiátrico coa construción dun novo centro de saúde, unha residencia de maiores, un centro de coidados intermedios e unha escola infantil. Ata o momento non transcenderon maiores detalles sobre o orzamento asignado para esta obra nin se especificou se o complexo contará cunha xestión integramente pública.
A reforma das instalacións é unha vella demanda da veciñanza de Mos. No ano 2016 a corporación aprobou, por unanimidade, unha moción de GañaMós para dotalas de novo uso. Naquel momento, xa se solicitaba a sinatura dun convenio co goberno galego encamiñado a habilitar un xeriátrico público de ámbito comarcal, non só municipal, algo que non foron capaces de asegurar a alcaldesa, Nidia Arévalo, nin o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na presentación que realizaron ata os medios. De feito, de acordo coas informacións filtradas a través da prensa, a futura residencia contará con apenas 90 camas, unha cifra que o portavoz do Grupo Municipal de GañaMós, Roberto Rodríguez Dasilva, considera “insuficiente”.
“O antigo hospital psiquiátrico conta con espazo abondo para acoller unha residencia pública de primeiro nivel, con prazas suficientes para atender a demanda presente e futura non só do noso concello, senón de toda a área metropolitana”, explica Roberto Rodríguez. Na súa opinión, o complexo deberá contar tamén cun centro de día “de xestión pública e acceso gratuíto para todas as persoas usuarias”, con servizos adaptados ás necesidades de maiores con doenzas como o párkinson ou o alzhéimer.
Centro de saúde
Dentro do proxecto contémplase a dotación dun novo centro de saúde, un equipamento que o Grupo Municipal de GañaMós considera “moi necesario”, atendendo as notables deficiencias que presenta o actual edificio, situado a carón do antigo psiquiátrico. En todo caso, o portavoz no Concello reclama “un investimento que vaia máis aló da reforma e que contemple tamén o reforzo do persoal sanitario e non sanitario”, xa que a dotación actual está moi lonxe da prevista nos criterios de planificación do Sergas. “Os recortes do PP na atención primaria custan vidas”, advirte Roberto Rodríguez, “e a veciñanza de Mos leva anos padecendo as consecuencias dunha xestión neglixente”.