Jorquera inquire ao Goberno local sobre cando por fin se vai inaugurar o complexo deportivo do Castrillón

“Este complexo leva camiño de se converter na versión coruñesa do Aeroporto de Castellón. O de Castellón é un aeroporto sen avións, o do Castrillón, un complexo deportivo sen instalacións deportivas”, ironiza Jorquera

Por cuarta vez no que vai de mandato o BNG vai formular nun Pleno a cuestión de cando se vai inaugurar o Complexo Deportivo do Castrillón. E non o vai facer por gusto, esclarece Francisco Jorquera, senón polos sucesivos incumprimentos por parte do Goberno Local dos seus propios prazos.

“Será a cuarta vez que preguntaremos por esta cuestión porque este complexo leva camiño de se converter na versión coruñesa do Aeroporto de Castellón. O de Castellón é un aeroporto sen avións, o do Castrillón un complexo deportivo sen instalacións deportivas”, ironiza Jorquera. “O edificio está rematado desde hai 5 anos, mais desde aquela só alberga un supermercado e o resto continúa a ser unha casca baleira”, critica.

Os termos exactos da pregunta oral que Jorquera realizará ao Executivo coruñés na sesión plenaria axendada para este xoves son os seguintes: “Está en condicións o Goberno Municipal de ratificar o compromiso segundo o cal o Complexo Deportivo do Castrillón estaría en funcionamento no primeiros semestre deste ano?”.

Ese compromiso contraeuno o Goberno Local cando no Pleno do 9 de setembro de 2021 o portavoz do executivo coruñés, José Manuel Lage, anunciaba, en resposta a unha pregunta formulada por Jorquera, que o Complexo abriría as súas portas ao público no primeiro semestre de 2022.

Mais o primeiro semestre de 2022 xa logo acaba e non hai visos de que a apertura se vaia producir. É máis, o Goberno Local, segundo puido saber o BNG, tería comunicado á Asociación Veciñal do Castrillón que o Complexo non estará listo antes do último trimestre do ano.

Para Jorquera, aínda hai moitas incertezas no horizonte. Por exemplo, a partida destinada nos orzamentos 2022 para a ampliación de capital de EMVSA, a empresa municipal encargada do complexo, é de apenas 830 mil euros, cando a súa Xunta Xeral de Accionistas, e por unanimidade, demandara 1,2 millóns de euros para estar en condicións de completar o equipamento das instalacións e a súa xestión provisoria.

O voceiro nacionalista censura que a estas alturas o Goberno Local continúe a desbotar a xestión directa do complexo e continúe a apostar por concesionar a súa explotación conxuntamente coas instalacións deportivas de San Diego.

Fica aínda por esclarecer, salienta Jorquera, como se vai realizar a transición, desde a xestión de EMVSA até a da futura concesionaria. “Sabemos, porque así nos foi comunicado na Comisión de Deportes, que se encargou a unha empresa externa a redacción dos pregos para proceder á licitación e que estes están case rematados”, refire o portavoz do BNG. “Mais aínda que fose así, calquera licitación é un proceso lento e non vai ser tecnicamente doado que EMVSA asuma inicialmente a apertura e posta en funcionamento do complexo para logo a xestión ser transferida, ao cabo duns meses, a unha concesionaria”, alerta.

En todo caso, a xuízo do BNG é fundamental que o Goberno Local esclareza dunha vez cando as veciñas e os veciños do Castrillón van poder gozar destas novas instalacións deportivas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.