Kiko da Silva impartiu obradoiros de IlustrarNós nos institutos de Meira e Friol

O programa impulsado pola Vicepresidencia da Deputación levou actividades a 14 centros educativos nos últimos dous meses

O autor de banda deseñada e ilustrador Kiko da Silva impartiu esta mañá cadanseu obradoiro no IES Pedregal de Irimia de Meira e no CPI Dr. López Suárez de Friol, no marco do programa IlustrarNós, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para fomentar a creatividade e achegar as xeracións máis novas o traballo de creadoras e creadores galegos deste eido.

Durante a sesión, explicou ao alumnado o proceso de creación da banda deseñada, desde a concepción da idea ata a súa concreción nunha publicación, abordando as posibilidades narrativas e plásticas que ofrece este xénero.

Mais aló do obradoiro, Kiko da Silva atendeu consultas persoais e asinou nos cadernos dos rapaces e rapazas, moi interesados nas súas distintas facetas profesionais.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, fixo un balance positivo destes dous meses de obradoiros nos centros educativos, “nos que as actividades espertaron un grande interese no alumnado” e “agradeceu a implicación tanto de Kiko da Silva como de Laura Romero e Juan A. Álvarez, que guiaron as actividades de primaria, neste programa, que queremos seguir facendo medrar”.

As actividades de IlustrarNós, con distintas propostas para educación primaria e secundaria,  chegaron nos últimos dous meses a 14 centros educativos das distintas comarcas, con actividades para as distintas etapas educativas.

Ademais de Meira e Friol, Kiko da Silva visitou o instituto Río Cabe de Monforte e na EASD Ramón Falcón de Lugo. A ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez impartiron o obradoiro “Os nosos ilustres instrumentos”, dirixido a Primaria, no CEIP San Cosme de Barreiros,  no CEIP Fondo Nois de Foz, no CEIP O Salvador da Pastoriza, no CEIP Plurilingue da Pontenova, no CPI de Cervantes,  nos CEIP de Albeiros, de Paradai e Quiroga Ballesteros de Lugo , no CPI Ramón Piñeiro de Láncara e no CEIP Virxe do Carme de Sober.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.