Luar na Lubre pecha este sábado no Ágora a primeira edición do Festival Primaletras

O concerto, que dá continuidade aos actos previstos co gallo do Día das Letras Galegas, terá lugar este sábado 21 (21.00 horas) no auditorio do centro sociocultural

O auditorio do centro sociocultural Ágora acolle este sábado o peche da primeira edición do Festival Primaletras, un novo certame literario e cultural que durante os dous últimos meses implicou ás oito bibliotecas municipais da cidade impulsando actividades que contaron coa presenza de recoñecidas autoras e autores da escena literaria galega en datas como o Día da Poesía, o Día do Libro ou o Día das Letras Galegas.

Neste contexto, e dando continuidade á programación de actividades previstas co gallo do Día das Letras Galegas, o grupo coruñés de folk Luar na Lubre será o protagonista do concerto AgoraSón Primavera, interpretando os seus temas máis recoñecidos.

A actuación, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello, comezará ás 21.00 horas. A información completa sobre o concerto pode consultarse aquí.

Luar na Lubre, máis de 35 anos de traxectoria musical

Luar na Lubre é unha formación recoñecida en todo o mundo e un dos emblemas do circuíto musical galego: con máis de 35 anos de traxectoria musical e dous Discos de Ouro ás súas costas, a banda segue a ser un exemplo de produción de calidade. No ano 2020 presentou ‘Vieiras e vieiros: Historias de peregrinos’, un traballo con 27 temas no contexto do Ano Xacobeo 2021-22.

Neste sentido, o concerto tamén atenderá ás lendas, tradicións e mitos que percorren o Camiño de Santiago cara a Compostela, pasando polas cancións populares da peregrinaxe a Galicia. Será, en definitiva, unha romaría musical, espiritual e romántica que poñerá o punto e final á primeira edición do Festival Primaletras, impulsado polo Concello co obxectivo de aglutinar os principais eventos e encontros culturais que se celebran na cidade durante a tempada de primavera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.