Luis Álvarez confirma que o PSdeG irá á reunión con Rueda “coa mellor disposición para deseñar unha axenda galega”

O portavoz do Grupo Socialista insta a Rueda a aclarar cal é a postura da Xunta sobre financiamento autonómico despois de que Feijoo actúe agora como Manquiña en Airbag: “Lo mismo te digo una cosa que te digo la otra”

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, explicou hoxe que o secretario xeral do PsdeG, Valentín González Formoso, acudirá á reunión convocada polo presidente da Xunta cos grupos da oposición “coa mellor disposición”, “con talante construtivo” e co obxectivo de “deseñar unha axenda galega”. “Estamos dispostos a defender a Galicia ata onde sexa necesario”, remarcou Álvarez, pero, ao mesmo tempo, advertiulle a Alfonso Rueda “que non pretenda utilizar o encontro de xeito instrumental como ariete contra a Moncloa, na súa campaña de oposición e confrontación contra goberno central”.

Con este punto de partida, Luis Álvarez considera que o presidente da Xunta “debe actuar conforme ás súas competencias para resolver os problemas da nosa comunidade autónoma”. “Queremos ver que vai facer para reorientar o rumbo de Galicia ou, máis ben, a falta de rumbo”, sinalou. Por iso, instouno a que “empece a traballar xa dende a Xunta despois de levar meses entretido co seu xogo de cadeiras”.

O voceiro parlamentario do PSdeG sinalou que “é importante deseñar unha axenda galega para facer fronte á situación grave na que se atopa Galicia no eido económico, pero, sobre todo, en tres aspectos fundamentais”. Eses ámbitos claves pasan por resolver o colapso sanitario, reorientar a política de atención e protección ás persoas maiores e mudar o modelo de I+D+i.

Con respecto ao colapso sanitario, Luis Álvarez avogou por buscar solucións “con medidas eficaces” e “non con ocorrencias, como a idea de ofrecer pisos gratis para os médicos”. Cualificou esta idea de “prexudicial e perigosa para o sistema sanitario”, xa que “provoca un mercadeo de prazas, esquece as necesidades asistenciais e vai en contra da atención real que necesitan os galegos e as galegas”.

Así, apuntou que “o goberno galego pretende xerar un debate artificial para agochar o problema real”, que é “a súa incapacidade para ofrecer contratos decentes aos profesionais sanitarios e un sistema sanitario de calidade aos galegos e galegas”.

Nesta liña, lembrou que o goberno de España leva 4 anos convocando os maiores MIR da historia e, porén, “a Xunta é incapaz de cubrir as prazas de que dispoñen”. Tamén recordou que “é o mesmo goberno do PP que antes xa deixara sen convocar 151 prazas MIR de medicina familiar” e que agora culpa ao goberno do Estado. “Demostran cada día que son capaces de inventar argumentos artificiais para atacar ao goberno central a calquera costa”, advertiu.

Luis Álvarez tamén definiu como “urxente” reorientar a política de atención e protección ás persoas maiores. Neste eido, constatou que “hai un evidente déficit de prazas”, polo que “é necesario resolver o problema de exceso de privatización e de menos inspección”.

Avogou, ademais, por dispoñer de datos reais, xa que “non podemos permitir que haxa dependencia con datos incorrectos e con case 10.000 persoas sen incluír nas listas”. Esta situación, advertiu, leva a “minimizar o problema” cunha “maquillaxe que pode resolver o problema de comunicación dun goberno” pero non “o verdadeiro drama”, que é que “detrás das cifras hai persoas”.

Por outra banda, o PSdeG tamén propugna unha aposta decidida e un cambio de modelo en I+D+i. Neste senso, apuntou como “esencial” avanzar nun novo modelo económico que se sustente na innovación. Deixou claro que “iso require do compromiso e da complicidade do goberno para activar os fondos necesarios”.

“Rueda debe aclarar a súa postura sobre financiamento autonómico tras as contradicións de Feijoo”

Na súa comparecencia, Luis Álvarez tamén instou a Rueda a aclarar de maneira firme cal é o seu posicionamento con respecto ao financiamento autonómico e se vai ser capaz de corrixir a un Feijoo que actúa “como o personaxe de Manquiña na película Airbag” cando dicía que “lo mismo te digo una cosa que te digo la otra”.

Nesta liña, Álvarez lamentou que “ben pouco tardaron en manifestarse as contradicións de Feijoo sobre este asunto”. Así, lembrou que, no contexto dunhas autonómicas en Andalucía, o agora presidente do PP nacional “defende un modelo distinto ao que defendía hai poucas semanas como presidente da Xunta”. “Antes”, lembrou, “o criterio era o da dispersión poboacional ou o avellentamento e agora é o da poboación, porque é o que interesa vender para as autonómicas andaluzas”.

Condena á agresión machista de Carballo

Por outra banda, Luis Álvarez tamén expresou “o máis absoluto rexeitamento” á agresión machista producida nas últimas horas en Carballo, e que deixa a unha muller en estado critico.

“Rexeitamos”, dixo, “calquera tipo de agresión, máxime deste perfil”, ao tempo que manifestou “a nosa máis profunda solidariedade coa familia e amigos desta muller que se atopa nunha situación extraordinariamente comprometida”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.